Destacan o labor realizado por Asoporcel en Friol

TerraChaXa
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, felicitou os comuneiros do monte de Carballo (Friol) e a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) polo seu proxecto de aproveitamento de recursos naturais a través da explotación extensiva deste tipo de gando.
180810_Vazquez_Friol III
10 Ago 2018

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, felicitou os comuneiros do monte de Carballo (Friol) e a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) polo seu proxecto de aproveitamento de recursos naturais a través da explotación extensiva deste tipo de gando.

A conselleira destacou que esta iniciativa contribúe a poñer en valor unha carne de gran calidade, como é a do porco celta e a “facer compatible a vida saudable dos animais coa adecuada xestión dunha boa contorna natural e a diversificación das producións forestais”, más alá dos aproveitamentos de madeira. Salientou ademais que o proxecto ten un orzamento que supera os 90.000 euros, cunha achega de Medio Rural de 74.000 euros, a través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia.

Ángeles Vázquez coñeceu hoxe a iniciativa sobre o terreo, na localidade luguesa de Friol, nunha visita na que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

O proxecto baséase nunhas instalacións modulares, facilmente transportables e de funcionamento autónomo, que aproveitan o uso de enerxías renovables e das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) para a correcta xestión de recursos naturais e lograr así un sistema de explotación con porco celta en réxime extensivo sustentable e economicamente rendible.

A iniciativa contribuirá ademais ao control da biomasa vexetal e da matogueira, fomentando así a prevención dos incendios forestais, así como a impulsar o desenvolvemento rural fixando poboación e mesmo pode chegar a crear un modelo facilmente extrapolable a outras zonas de Galicia.

Neste caso, o sistema proposto de aproveitamento silvopastoril está orientado a incrementar a rendibilidade das explotacións, cun modelo de manexo eficiente para a produción cárnica de calidade ligado a unha zona de orixe e a unha raza porcina autóctona.

Colaboración con Asoporcel

Precisamente, a Consellería do Medio Rural vén colaborando con Asoporcel a través dun convenio plurianual (vixente ata decembro de 2019) e cofinanciado polo Feader, que ten como finalidade a recuperación, conservación e fomento desta raza. O acordo está dotado con 340.000 euros, aos que hai que engadir as axudas que recibe anualmente a devandita asociación dentro da liña de achegas para o fomento das razas autóctonas en perigo de extinción, e polas que neste 2018 lles corresponden 20.000 euros a maiores. Pola súa banda, o monte veciñal en man común de Carballo está xestionado por un total de 48 comuneiros e abrangue máis de 700 hectáreas forestais.

0.19267606735229