Destacan que os Orzamentos permiten a gratuidade das escolas infantís, o que se vai notar na Mariña
O dirixente popular José Manuel Balseiro puxo en valor as contas autonómicas para o ano próximo no transcurso dunha xuntanza organizada pola Federación Provincial de Asociacións de Veciños celebrada en Mondoñedo. Sinalou que se trata das contas que inclúen o maior gasto social da historia da autonomía con medidas que terán a súa repercusión na comarca da Mariña coma a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou o incremento dun 25% da contía da Tarxeta benvida nos municipios de menos de 5.000 habitantes, todos os da comarca excepto Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo.
Os orzamentos consolidan tamén o programa de impostos 0, cero, no rural mantendo as medidas xa vixentes coma a exención de tributación nas operación de transmisións de fincas rústicas e incorporan novas iniciativas coma a redución do imposto a todas as familias que merquen unha vivenda usada no rural nos concellos máis pequenos.
Balseiro puxo tamén en valor as distintas partidas orzamentarias dirixidas a proxectos estratéxicos para A Mariña como son a segunda fase da ampliación do Hospital Público da Mariña, a construción da variante de Viveiro e a mellora da estrada da Gañidoira, entre outras.