Destinados 156.800 euros ás confrarías de pescadores para contratar a vixilantes e biólogos
A Consellería do Mar destina 156.800 euros ao conxunto das confrarías lucenses para reforzar a vixilancia e elaborar e supervisar os plans de xestión que garanten a conservación e explotación responsable dos recursos mariños na provincia.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a Administración autonómica renova o seu apoio a todas as confrarías mariñás para contratar a nove profesionais encargados das tarefas de vixilancia e de asistencia técnica (biólogos) durante un período de doce meses.
Como novidade, a través da convocatoria deste ano finánciase a implantación dun sistema de xeolocalización co obxectivo de mellorar a coordinación e seguridade dos vixilantes dependentes das confrarías de pescadores. Así, a orde establece que cada un dos efectivos de vixilancia levará un dispositivo de xeolocalización para facer un seguimento en tempo real da actividade desenvolvida e para dispoñer dun histórico do traballo realizado.
Para acceder a esta axudas, as confrarías lucenses decidiron compartir servizos. Así, solicitaron de xeito agrupado as achegas as confrarías de Celeiro e do Vicedo, que reciben 52.416 euros; Burela e San Cibrao, que suman 52.446 euros; e o pósito de Ribadeo xunto á asociación de mariscadoras de Barreiros, con 51.986 euros.
Cada agrupación obtén apoio da Xunta para contratar a dous vixilantes e unha asistencia técnica, así como para financiar os equipos de xeolocalización. Cómpre lembrar que as tarefas de protección e control de recursos mariños tamén contan co persoal propio da Consellería do Mar, biólogos e integrantes do servizo de Gardacostas de Galicia.
Estas axudas están financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e son subvencionables os proxectos que teñan como obxectivo mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, entre os que se inclúen a elaboración e seguimento dos plans de coxestión de recursos mariños vivos e a optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños, atendendo á Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña.