Destinan 60.000 euros para a mellora enerxética do campo de fútbol de Pacios

A Xunta de Galicia apoiou con preto de 60.000 euros (59.931 euros) as obras de mellora da eficiencia enerxética executadas polo Concello de Begonte no campo de fútbol de Pacios.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións deportivas para comprobar os traballos realizados no local destinado a reunións e vestiarios.
As actuacións principais consistiron no cambio da cuberta; a mellora do illamento exterior mediante un sistema SATE; e a instalación dun sistema de calefacción e auga quente sanitaria que obteñen enerxía a través dunha bomba de calor de aerotermia.
Arias explicou que os traballos foron financiados pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con cargo ás axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.
A medida vai dirixida aos concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes e ten como obxectivo financiar obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios municipais, con prioridade para instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais.
Na provincia de Lugo, a convocatoria deste ano beneficiou a 23 concellos para desenvolver outros tantos proxectos de acondicionamento de infraestruturas locais. As achegas totais suman 1,3 millóns de euros.