Detectan dous novos casos de EHE en Meira e Vilalba
A Xunta de Galicia notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de catro novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase de focos localizados nas comarcas veterinarias de Ortegal e O Sar Barbanza, na provincia da Coruña; e de Meira e Terra Chá-Vilalba, na de Lugo. Ao tratarse de focos localizados en provincias nas que xa se declarara a enfermidade en 2024, o diagnóstico laboratorial foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural.
Con esta declaración, neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor, Galicia ten notificados focos en 39 comarcas veterinarias: 14 na provincia de Ourense (Maceda, A Limia, Ourense, Terra de Celanova, Baixa Limia, Verín, A Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas, Viana, Allariz, O Carballiño, Valdeorras e O Ribeiro), 11 na de Lugo (Ancares, Sarria, Terra de Lemos Quiroga, Lugo, A Fonsagrada, Terra Chá-Guitiriz, Chantada, A Ulloa, Terra Chá Castro, Terra Chá-Vilalba e Meira), 7 na provincia de Pontevedra (Pontevedra-O Morrazo, Deza, Tabeirós-Terra de Montes, A Paradanta, O Condado, Baixo Miño e Caldas) e 7 na provincia da Coruña (Teixeiro, Terra de Melide, Santiago, As Pontes, Arzúa, Ortegal e O Sar Barbanza). Así, o número de explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 1.674 e os animais positivos confirmados en 4.066.
Medio Rural habilitou a comezos deste 2024 a indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade. Neste sentido, destináronse máis de 200.000 euros a estas achegas para compensar a morte de 409 animais de 195 explotacións. Este orzamento súmase ao paquete de apoio avanzado no Consello da Xunta do pasado 23 de setembro, dotado de 5,6 millóns de euros, nos que se integran os 200.000 xa pagados.
Neste sentido, a Consellería do Medio Rural convocará unhas axudas directas, cuxa tramitación se iniciará cando finalice o período de actividade do vector transmisor, co fin de compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade nas explotacións, tanto por mortes como por gastos veterinarios ou de desinsectantes.
Así, os fondos destas achegas (cofinanciados polo Ministerio de Agricultura) poderán chegar a todas as explotacións afectadas este ano pola enfermidade, a maiores das de 2023, cuestión importante e valorada tanto polo Goberno galego como polas organizacións profesionais agrarias.
Ademais, con estas liñas de apoio será posible duplicar as contías por animal falecido, con achegas de entre 400 e 1.600 euros, en función da idade das reses. Tamén se sufragarán os tratamentos veterinarios e desinsectantes, achegando 20 euros por bovino censado, aboando os cartos polo total do censo da explotación e non só polos animais afectados, cun máximo de axuda de ata 4.000 euros por granxa.
Enfermidade non contaxiosa
A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que está dispoñible para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria. Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector.