Detectan un novo caso de EHE na comarca da Terra Chá

TerraChaXa
O diagnóstico laboratorial foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia
enfermidade-hemorraxica-epizootica
12 sep 2024

A Xunta notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de tres novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase dun foco localizado na comarca veterinaria de Terra Chá-Castro, na provincia de Lugo, e dous focos nas comarcas veterinarias de Caldas e Vigo-Baixo Miño, na provincia de Pontevedra.

Dado que xa había confirmados focos da enfermidade nestas provincias, o diagnóstico laboratorial foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural.

Con esta declaración, Galicia ten notificados focos en 30 comarcas veterinarias neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor: 14 na provincia de Ourense (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín e Viana); 9 na de Lugo (Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Chá-Castro, Terra Chá-Guitiriz, Terra de Lemos-Quiroga e A Ulloa), e 7 na provincia de Pontevedra (A Paradanta, Caldas, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo, Tabeirós Terra de Montes e Vigo-Baixo Miño), neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor. Por outra banda, o número de explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 1.015 e os animais positivos confirmados en 2.344.

0.17670488357544