Dez días máis de prórroga para parar o derrubamento do parque dos Carbóns debido aos temporais

TerraChaXa
Segundo recolle o informe técnico elaborado pola arquitecta municipal, detectouse unha desviación significativa respecto do proxecto autorizado
derrubo-do-parque-dos-carbons
11 Feb 2026

O Concello das Pontes vén de decretar a suspensión cautelar e inmediata, por un prazo inicial de dez días, de varias obras de demolición e restauración que se están a executar no municipio. A decisión, adoptada mediante resolución da Alcaldía o pasado venres e que inclúe o parque dos Carbóns, responde á situación meteorolóxica adversa provocada pola chegada sucesiva das borrascas Goretti, Jhosep e Ingrid, que activaron avisos amarelos, laranxas e vermellos na zona.

Un dos focos principais de preocupación sitúase no proceso de desmantelamento da antiga Central Térmica de carbón de Endesa. Segundo recolle o informe técnico elaborado pola arquitecta municipal, detectouse unha desviación significativa respecto do proxecto autorizado. A licenza concedida establecía unha desmontaxe selectiva e controlada das estruturas, mentres que actualmente se estaría executando unha demolición por colapso. Esta metodoloxía, combinada cos fortes ventos e as intensas precipitacións previstas, incrementa de maneira notable o risco de caída de grandes elementos metálicos.

Ante esta situación, o Concello esixe á empresa responsable que, no prazo máximo de dez días, presente protocolos específicos de protección para as vías AG-64 e AC-861, así como garantías de seguridade para o leito do río Eume, co obxectivo de minimizar posibles afeccións ao entorno e á poboación.

A orde de paralización abrangue tamén outras actuacións en marcha no casco urbano, entre elas a demolición do edificio do antigo Gadis, as obras no colexio da rúa Pardo Bazán e os traballos de restauración da Rotopala na contorna do lago.

De maneira paralela, a Policía Local e Protección Civil identificaron distintos puntos sensibles ante o risco de caída de árbores ou posibles inundacións. Como medida preventiva, establecerase un reforzo das quendas policiais durante estes días, con especial atención a espazos como o Parque da Fraga, o aparcadoiro do Poboado e o casco histórico.

A resolución, asinada polo alcalde ao abeiro da Lei de Bases do Réxime Local, fundamenta a decisión na necesidade de priorizar a seguridade e a saúde da veciñanza fronte a calquera outro interese, nun contexto de risco meteorolóxico extremo.

⚙ Configurar cookies
0.085194110870361