Dez empresas optan a executar obras en tres estradas autonómicas da comarca das Pontes

TerraChaXa
As actuacións, licitadas por un investimento de máis de 2 millóns de euros, comprenden varios treitos das estradas AC-110, AC-112 e AC-564
estrada-moman-as-pontes-aglomerado-obras-estradas
11 Feb 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, recibiu 10 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas na comarca de Ferrol.

Os traballos de acondicionamento de firme destas vías de titularidade da Xunta, licitados por máis de 2 millóns de euros, teñen como obxectivo a mellora das características funcionais da vía e súa seguridade viaria en varios treitos das estradas AC-110, AC-112 e AC-564, que discorren polos concellos das Pontes, As Somozas, Narón e San Sadurniño.

As actuacións, que contan cun prazo estimado de execución de 5 meses, consistirán na rehabilitación superficial localizada do firme das estradas, restaurando ou mellorando as características superficiais do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.

Tamén se realizarán melloras na drenaxe, a sinalización, nos sistemas de contención e no balizamento, así como a limpeza de gabias existentes.

A Xunta continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, incrementando este ano en máis dun 30% as partidas destinadas a súa conservación, máis de 68 millóns de euros.

0.17256808280945