Dez empresas optan a facer as obras da segunda fase do abastecemento de Castro de Rei
Trátase de mellorar as condicións de presión na rede de abastecemento no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e no polígono industrial, para evitar problemas de abastecemento en época estival. A actuación, que conta cun prazo de execución de 6 meses e será cofinanciada nun 80% pola Xunta, dará continuidade á primeira fase das obras que se están a executar neste núcleo e que contan cun investimento de 630.000 euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 10 ofertas para a execución das obras da segunda fase da mellora da rede de abastecemento de auga a Castro de Rei.
As actuacións obxecto deste contrato, licitadas por un investimento de máis de 355.000 euros, servirán para mellorar as condicións de presión na rede de abastecemento no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e no polígono industrial, para evitar problemas de abastecemento en época estival.
As obras, que terán un prazo de execución estimado de seis meses, serán cofinanciadas nun 80% polo departamento que preside Ethel Vázquez, achegando o 20% o Concello, segundo o convenio de colaboración asinado polas dúas administracións.
Esta nova actuación dará continuidade á primeira fase da mellora do abastecemento, aprobada nun convenio anterior co Concello. As obras foron contratadas por Augas de Galicia o pasado mes de xuño e xa están en execución.
A primeira fase conta cun investimento de 630.000 euros para construír dous tramos de tubaxe de abastecemento de fundición no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e nas inmediacións do termo municipal. Proxéctase tamén a execución de varias arquetas de formigón armado para aloxar as ventosas e desaugues proxectados, así como as conexións coa rede existente.
As obras da 2ª fase complementarán a primeira intervención e centraranse na execución dun ramal que, partindo dun tramo de condución que se vai desenvolver na primeira fase, mellora a conexión co polígono industrial. Para acometer este ramal, emprégase unha condución de máis de 1,5 km con tubaxe de polietileno de 225 mm de diámetro.
A solución proxectada por Augas de Galicia no seu conxunto dará servizo a preto de 2.600 habitantes do municipio de Castro de Rei de cara ao ano 2040.
Estas actuacións serán financiadas no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.