Vilaba programa dezaoito días para desfrutar do San Ramón e Santa María
Chegan un ano máis as festas patronais de Vilalba, o San Ramón e Santa María, darán comezo o xoves 21 de agosto e serán ata o 8 de setembro con algúns cambios con relación á edición do ano pasado. Será unha nova ocasión para que os veciños da localidade podan desfrutar de actuacións musicais, a cargo das orquestras do momento e grupos tradicionais, así como de actos relixiosos e as súas reunións de sempre, que non poden faltar.
A primeira celebración do programa será por tanto o mércores 21, coa inauguración da exposición Pinceladas e Trazos de Masú Santalla, ás 19.00 horas na casa da cultura, un acto organizado polo Iescha.
O COMEZO
O programa propiamente dito dará comezo o xoves pola noite, ás 22.00, co concerto de Dúbida e Shera & Sile na praza da Constitución e, como non podía ser doutro xeito, o venres comezarase coa tan esperada Xira, onde a mocidade poderá desfrutar da III sesión de Djs Locais na explanada da Madalena. Participarán David García, Cris Vázquez, Diego Amido, Bris Trad, Decrux e Juan Chousa.
O sábado 24 ao mediodía, o RC Vilalbés convocou no estadio da Madalena unha nova edición do Trofeo President, onde o equipo sénior xogará contra o Bergantiños e, posteriormente, reuniranse todos, espectadores e xogadores, na explanada da Madalena para desfrutar na sesión vermú dunha actuación musical das orquestras Tokio e Greese, que terán dobre sesión, xa que tamén estarán na verbena da noite, de novo na explanada da Madalena.
Como final da Xira, o domingo só haberá unha sesión vermú á hora de xantar co Grupo M3 como acompañamento, no mesmo lugar de sempre, que tamén será onde se organice a Xira en homenaxe ao nosos maiores, que inclúe misa, sesión vermú co dúo Venus e xantar popular e que será o mércores 28 a partir das 12.30 horas.
O xoves 29 é a quenda da tradicional XXIX Festa da Bicicleta na que os veciños de todas as idades participan coa súa bicicleta, patín ou patinete nunha andaina non competitiva polo centro da vila. Ademais, os alumnos da academia vilalbesa Edrodance sorprenderán a todos cunha actuación na praza da Constitución. Tampouco podía faltar a XII exposición do Iescha Tal como eramos – Fotos para o recordo, na que todos os vilalbeses reuniranse na sala de exposicións do auditorio municipal, ás 20.00 horas, para desfrutar dos máis emotivos recordos da localidade.
O PREGÓN
Pola súa parte, o venres 30 celebrarase a entregada do premio ao gañador do Certame Literario deste ano e a lectura do pregón, actos centrais das festas e que se desenvolverán, como todos os anos, no auditorio.
O acto do certame contará con diferentes colaboracións, que darán paso ás 21.30 horas ao concerto na praza de Santa María de Tanto Nos Ten, un espectáculo dentro do proxecto Emprazadas. Contarase coa presenza de artistas como, AC Entre Lusco e Fusco, Corredores de Sombra, alumnos da Escola de Teatro Movemento, a Banda e Minibanda de Música de Vilalba e estará presentado por Xulio Liz e Loli Soto.
OS PATRÓNS
O sábado 31, que é o propio día do San Ramón e o Día do Traxe Rexional, comezará cunha misa solemne cantada pola Coral Polifónica e unha procesión acompañada pola AC Entre Lusco e Fusco e Mato Vizoso, que actuarán á 13.30 horas na praza da Constitución para dar paso á sesión vermú da man da orquestra Stereo. Seguindo coas actuación musicais, a Banda de Música de Vilalba tocará, ás 22.00 horas na rúa da Pravia e, xa pola noite, de novo Stereo e Tango encargaranse da verbena.
Os oficios relixiosos continuarán ao día seguinte, Día de Santa María e, nesta ocasión, a misa estará cantada pola Coral Luar e a procesión irá da man de AC Andrade e Mestura de Nete. A sesión vermú estará protagonizada pola orquestra Pontevedra, que actuará ademais na verbena da noite, xunto ao grupo Beatriz. A maiores, o Iescha proxectará un documental en homenaxe a Ramón Chao, ademais dun libro sobre o mesmo.
Como inicio de semana, só haberá unha actuación musical de Essenza Quartet ás 19.30 horas na rúa da Pravia. E, para os máis pequenos, haberá diversión especial, xa que o martes e mércores (3 e 4 de setembro) celebrarase o Día Infantil, dúas xornadas dedicadas con xogos de todo tipo que farán as delicias dos máis pequenos e pequenas que se acheguen a Vilaba. Comezará pola mañá na praza da Constitución ás 11.00 horas coa Biblioteca na rúa e con inchables, que durarán ata as 20.00 horas e, por outra banda, este primeiro día celebraranse a XXX Simultáneas de xadrez.
Para o mércores, está preparada unha festa da escuma, patrocinada por Entrepinares, cunha chea de xogos acuáticos tanto pola mañá como pola tarde.
FINAL DE FESTAS
Continuando nas actividades de setembro, haberá Djs e pasarrúas con musica tradicional a partir das 20.00 horas, ademais dunha foliada na praza de Santa María. Tamén, a sala de exposicións do auditorio municipal acollerá a presentación do foto-libro Lumes de Adra Pallón.
O sábado día 7 pola mañá, ás 12.30 horas, volverán os pasacalles a cargo do grupo tradicional Buxos Verdes. Así mesmo dará comezo o Torneo de Rugby 3x3 Santa María, que chega á súa terceira edición, e despois será a sesión vermú amenizada pola orquestra Fuego na praza da Constitución.
Pola tarde, ás 20.00 horas celebrarase no auditorio o Festival de Bandas Pepe Guntín, que está organizado pola Banda de Música de Vilalba e a de Padrón. Xa pola noite, a sesión musical será a cargo das orquestras Fuego e Claxxon. O derradeiro día festivo, o domingo 8 de setembro, será o Día da Parroquia, que este ano está dedicado a Oleiros. Esta cita contará con pasacalles a cargo do grupo tradicional Cerna de Árbol, da Charanga de Vilalba, e acto seguido farase unha sesión vermú longa amenizada pola orquestra Travesía e o dúo Estrellas. Ademais, para contribuír coa festa, están vendendo rifas a 5 euros para unha viaxe valorada en 2000.