Dezasete centros educativos de nove municipios van ser reparados de cara ao vindeiro curso
Deceas de centros educativos da comarca da Mariña van experimentar melloras de cara ao vindeiro curso lectivo grazas a obras, sobre todo de eficiencia enerxética, sufragadas pola Administración galega con máis de 277.000 euros.
As achegas adicionais proceden da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e complementarán as obras xa previstas para executar este verán en relación á mellora da eficiencia enerxética de colexios e institutos de nove municipios da comarca.
Estas reformas, que contribuirán á mellora, principalmente, da seguridade e accesibilidade de 17 centros educativos tendo en conta as prioridades de cada un, “permitirán a súa posta a punto de cara ao inicio do vindeiro curso 2019-2020 ao seren executadas as obras este verán para non interferir no habitual desenvolvemento do curso escolar.
Os populares da Mariña agradecen este esforzo inversor que permite “actuar en todos os centros e en todos os concellos ao longo destes anos” atendendo os requirimentos trasladados pola comunidade educativa.
ACTUACIÓNS CONCRETAS. Á reforma integral do CEIP Virxe do Carme (Burela) hai que engadir unha nova achega de máis de 10.500 euros dirixida á reparación da cuberta do patio exterior do centro. Así mesmo, para a renovación da rede de fontanería, calefacción e depósitos de gasoil do IES Monte Castelo tamén achega o Goberno galego máis de 23.300 euros.
Os colexios do municipio de Foz veranse beneficiados con máis de 20.600 euros cos que será posible substituír a caldeira do Nº1 de Foz –onde están xa previstas tamén obras para a súa rehabilitación integral- e o arranxo dos canalóns do CEIP O Cantel.
Os baños da planta baixa do edificio principal do CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo serán reformados cun investimento de máis de 31.000 euros e o cambio da carpintería nas instalacións da Granxa do IES San Rosendo requirirán unha achega de máis de 18.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
Cun algo máis de 30.400 euros a consellería de Educación permitirá levar a cabo diversos arranxos tamén no CEIP da Pontenova e o de Riotorto verá reposta a súa carpintería grazas a un investimento de preto de 29.000 euros. No caso do colexio de Santa María do Valadouro, as actuacións a desenvolver serán as da renovación da
rede de fontanería cunha achega de máis de 14.500 euros; mentres que no Vicedo se acometerán obras no pavimento das aulas de infantil con preto de 6.000 euros.
En Viveiro son un total de seis os centros educativos nos que actuará a Xunta este verán achegando unha suma de máis de 78.500 euros. As obras a acometer serán as de renovación de aseos na primeira planta do CEIP Lois Tobío, o cambio de portas no primeiro andar do CEIP Pedrosa Latas de Celeiro, a substitución da caldeira do IES María Sarmiento, a reforma do patio infantil do CEIP Santa Rita, o cambio de ventás no IES Vilar Ponte e distintas reformas na Escola Infantil San Roque.
As actuacións previstas nos centros de ensino da Mariña rematarán coa renovación da cuberta do patio exterior do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove que require un investimento de preto de 15.000 euros.