'Dhogs' estréase o 9 de outubro no Festival de Sitges

TerraChaXa
Tralo seu paso polo Festival de Cinema de Buenos Aires (BAFICI), o FrightFest de Londres e gañar o premio á mellor longametraxe no International Festival of New Filme de Split (Croacia), Dhogs presentarase en primicia española o próximo 9 de outubro á unha e cuarto no Auditorio Melià Sitges, coa presenza do seu director, Andrés Goteira e os actores Melania Cruz, María Costas, Iván Marcos e Xosé López.
Antonio Durán en 'Dhogs'.
5 Out 2017

Coproducida por Gaitafilmes e Pixel Films e coa colaboración da Panificadora Estudos, Dhogs é a suma de Dogs e Hogs, cans e porcos. A ópera prima do lucense Andrés Goteira é o reflexo da realidade máis escura, mesturando intriga, terror, erotismo e estética western. Retrata un mundo perverso no que os crimes se suceden ante unha sociedade pasiva e insensible, que todo o permite.

Antonio Durán "Morris" (Pieles), Miguel de Lira (Os Fenómenos), Carlos Branco (A Praia dos Afogados), Melania Cruz (A Esmorga), Iván Marcos (Un petit boulot) ou María Costas protagonizan este estimulante e sorprendente thriller, que remove conciencias.

A película rodada en galego, en Galicia e Almería, foi financiada por máis de 300 pequenos investidores a través de micromecenazgo
e foi subvencionada por Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a Deputación Provincial de Lugo. Ademais conta cos patrocinios Galipizza, Cervexa Áncora e o Concello de Meira e coa colaboración dos Concellos de Viveiro, A Coruña, Oleiros e a
Deputación de Almería, entre outros.

Despois de Sitges a película tamén se presentará o 21 de outubro no Festival Internacional de Cinema de Ourense e o 26 no Festival Nocturna de Madrid , onde tamén competirá en sección oficial.

Sinopse
Mentres unha estraña personaxe cruza as rúas da cidade ao volante dun taxi, no bar dun luxoso hotel está Alex, unha muller que goza dunha última copa, inconsciente do alude de acontecementos que a arroiará nas próximas horas. Unha fugaz aventura cun executivo será o preámbulo cara a unha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control.

0.10277009010315