Dimite o primeiro tenente de alcalde das Pontes, Antonio Alonso Román
O concelleiro pontés e primeiro tenente de alcalde, Antonio Alonso, presentou a súa dimisión despois de estar presuntamente relacionado cun caso de violencia de xénero.
Segundo adiantou o propio concelleiro, esta dimisión prodúcese co obxectivo de “defender a miña inocencia e honorabilidade e evitar posibles interferencias no normal funcionamento do Concello”.
Pola súa banda, o Concello fixo tamén chegar un comunicado no que amosa o seu "absoluto respecto á decisión persoal de Antonio Alonso de dimitir e defender a súa inocencia e honorabilidade así como evitar posibles interferencias no normal funcionamento do Concello das Pontes".
"Desde o Concello das Pontes, condenamos, de forma categórica, calquera tipo de violencia machista, defendemos de forma contundente a igualdade entre mulleres e homes e amosamos o noso apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero", engaden.
Así mesmo, desde Concello das Pontes tamén defenden "a presunción de inocencia e agardamos que a xustiza faga o seu traballo, investigue a situación e se aclaren os feitos que se denuncian".
Por outra banda, a acta de concelleiro de Antonio Alonso Román será recollida por Manuel Rodríguez López.
Esta comunicación de dimisión coincidiu no tempo coa demanda do BNG, que despois de pedir explicacións en xunta de voceiros pedía a dimisión do concelleiro mentres non se aclararan os feitos.
Por outra banda, tamén pediron a dimisión do alcalde "en primeiro lugar por non ter asistido a esta importante xunta de voceiras e, en segundo lugar, por ocultar esta situación; os medios de comunicación públicos do Concello mantiveron un estrito silencio sobre un tema que é vox pópuli".