Dimite o socialista Mario Rouco como secretario do PSOE de Muras
A situación en Muras vén de dar unha nova volta coa dimisión de Mario Rouco como secretario do PSOE en Muras.
Así, saen de novo a relucir os desacordos entre os simpatizantes e afiliados socialistas nesta localidade, pola falta de acordo co equipo de Goberno local, do que formaron parte os anteriores oito anos.
Mario Rouco xa non se presentou como cabeza de lista do PSOE ás últimas eleccións aínda que si asegurou que daba o seu apoio á nova candidata, Jennifer Gómez, que se presentaba como independente.
O que foi durante oito anos o único concelleiro socialista en Muras formou parte do equipo de Goberno dirixido polo nacionalista Manuel Requeijo, cun reparto de funcións entre ambos e sendo chave de Goberno xa que a corporación muresa conta con 7 concelleiros e foron escollidos 3 do PP, 3 do BNG e 1 do PSOE.
Co cambio de dirección do PSOE, a situación en Muras bloqueouse xa que Gómez propiciou o nomeamento de Requeijo como alcalde coa súa abstención pero negouse a formar parte do equipo de Goberno, pasando a facer un labor de oposición.
Esta situación levou ao partido a unise ao PP na maior parte das votacións, o que significou bloqueo o curso político en numerosas ocasións. Negouse a aprobar o soldo do alcalde e recentemente unha operación para poder pagar facturas a provedores.
No pasado mes de novembro saltaron as primeiras alarmas entre os propios simpatizantes e militantes socialistas que en declaracións a este medio naquel momento xa manifestaron o seu descontento pola situación de bloqueo "que o único que trae son consecuencias para os veciños", dixeron.
O descontento coa actitude da concelleira era patente, así como as diferenzas entre eles, aínda que evitaban que estas foron visibles, sendo moi poucos os que quixeron facer a súa queixa pública.
A dimisión de Mario Rouco xa se anunciou daquela pero finalmente non se produciu, chegando a facerse efectiva estes días.
Aínda así, asegura Rouco que apoia á concelleira electa e que se vai por motivacións persoais.
Queda por tanto saber si unha xestora se encargará da dirección do partido en Muras ou será a propia Jennifer a que ocupará esta responsabilidade.