Divas de Diván estarán o xoves en Cabreiros
A localidade de Cabreiros acolle o teatro coloquio de Divas de Diván, o xoves 26 de agosto ás 20 horas.
Este acto será nas escaleiras da praza de Cabreiros e se o tempo non acompaña será no interior da casa escola. O aforo está limitado e cubrirase por orde de chegada. Recoméndase aos asistentes que leven o seu propio coxín.
Esta actuación englóbase dentro da programación do ciclo Cultura no Camiño.
Nas culturas celta, babilonia, sumeria, etrusca, nipoa, azteca, semita, mesopotámica, exipcia, chinesa, xermánica, nórdica, lituana, grega e romana o pobo rendeu culto a distintas deusas da sexualidade, os desexos e mailo pracer.
En Galicia, nos tempos que corren, a carnalidade e o instinto teñen templo en case cada casa no corpo de cada muller. Non é o mesmo ser divindade que diva. Pero, por sorte, as divas son moito máis fáciles de alcanzar.
Así, Vero, a Ángeles e a Carmen xúntanse arredor dunha mesa mentres pican queixo de tetilla, comparten uns chouriciños e proban que pementos pican e cales non, para contarnos historias da erótica do noso país. Porque, dende logo, si, cos contos que elas traen hai material para fundar a nosa propia mitoloxía.