Do día 2 ao 5 de xaneiro haberá actividades para nenos e nenas na Casa das Insuas de Rábade
A Casa das Insuas de Rábade organiza a Insuaescola de Nadal, un espazo de coñecemento e formación sobre a natureza no que se realizarán moitas actividades medioambientais e ao aire libre.
Esta iniciativa, que se desenvolverá do 2 ao 5 de xaneiro, de 10.00 a 14.00 horas, está dedicada a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos que deben apuntarse no propio local, xa que as prazas son limitadas.
Así, o martes 2 comezarán as actividades coa elaboración dun caderno de campo, o día 3 terá lugar unha ruta e faranse manualidades, o xoves 4 haberá un taller de sons da natureza e o venres 5 elaboraranse adornos de Nadal.
Esta actividade é posible grazas ao acordo de custodia do territorio que a Deputación de Lugo mantén coa AGCT para a conservación, investigación e divulgación da natureza nas Insuas do Miño e Ollos de Begonte, contornas da institución provincial que forman parte da Reserva da Biosfera de Terras do Miño.