Dobre concerto de blues en Vilalba con Mike Ross Band e Zålomon Grass

TerraChaXa
A cita, de balde e en formato aberto, será este sábado ás 21.30 horas no hall do Auditorio Municipal Carmen Estévez
VILALBA mike ross concerto
11 Nov 2025

O Concello de Vilalba presenta unha nova proposta musical para este sábado 15 de novembro: un dobre concerto que reunirá a Mike Ross Band e a formación Zålomon Grass. A actuación desenvolverase ás 21.30 horas no hall do Auditorio Municipal Carmen Estévez e contará con acceso libre ata completar capacidade.

A proposta achegará á veciñanza un repertorio de blues de raíces americanas con incursións no hard blues, o rock vintage e a psicodelia. No caso de Mike Ross Band, o proxecto destaca por destilar influencias do rock e do blues clásico, evocando sonoridades que van do sur profundo á costa oeste dos Estados Unidos, cun directo poderoso e de forte pegada guitarrística. Pola súa banda, Zålomon Grass, recoñecido power trío creado a comezos de 2020, completa o cartel cun son eléctrico e envolvente, que combina riffs setenteiros, pulsación psicodélica e improvisacións de alto voltaxe.

As concelleiras Mónica González e María Xosé Fernández, xunto co vicealcalde Modesto Renda, puxeron en valor a oportunidade de gozar dun espectáculo singular sen saír de Vilalba, apostando por programar música de calidade e formatos accesibles que animen a participación do público. O evento celebrarase na entrada do auditorio para favorecer un encontro próximo entre artistas e asistentes.

⚙ Configurar cookies
0.063232898712158