Dobre recoñecemento á investigación histórica sobre a posguerra en As Pontes nos Premios de Investigación HUME

A décima edición dos Premios de Investigación HUME 2025 saldouse cun destacado nivel dos traballos presentados, segundo destacou o xurado, que subliñou a súa contribución ao coñecemento da realidade comarcal e á apertura de novas liñas de estudo sobre as relacións entre o poder local e o Estado franquista, así como sobre a sociedade pontesa durante a posguerra.
O primeiro premio foi concedido a Gael Uxío Proupín Cantelar, natural de Brión (A Coruña), graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, con Máster en Historia Contemporánea e actualmente doutorando nesta mesma especialidade. O seu traballo, titulado O exército negro da autarquía: corrupción, estraperlo e intervencionismo en As Pontes e Ortigueira, obtivo a máxima puntuación do xurado pola súa achega innovadora e polo marcado enfoque social da investigación.
Segundo a valoración do tribunal, o estudo pon de manifesto a capacidade de adaptación e resistencia da poboación produtora nun contexto de escaseza, racionamento adulterado e políticas coercitivas propias do franquismo. A investigación destaca polas estratexias de supervivencia desenvolvidas polas familias labregas e por sacar á luz prácticas de corrupción estrutural, ofrecendo unha visión humanizada da posguerra que contribúe de maneira significativa á memoria e á identidade local.
O segundo premio recaeu en Juan Carlos Vázquez Arias, investigador de Pontedeume, mestre e licenciado en Xeografía e Historia, con unha ampla traxectoria docente e investigadora. Foi profesor no IES Castro da Uz de As Pontes e no IES Breamo de Pontedeume, ademais de autor e coautor de diversas publicacións sobre historia local e colaborador habitual en revistas especializadas.
O seu traballo, Creación do Concello nacional das Pontes de García Rodríguez (1936-1950), analiza a configuración dos primeiros concellos franquistas tras o desaloxo da corporación republicana e a sucesión dos distintos consellos municipais nos anos iniciais da ditadura. A investigación abrangue o período comprendido entre a Guerra Civil e a dura posguerra, e está baseada principalmente na documentación do Arquivo Municipal das Pontes, especialmente nas actas plenarias. O xurado salientou a corrección formal do estudo, así como o rigor metodolóxico e a adecuación á estrutura propia da investigación histórica.