Dobre sesión de teatro esta fin de semana en Rábade

O Concello de Rábade continúa coa programación teatral que se desenvolve no Centro Sociocultural durante os meses de setembro e outubro, cunha oferta variada e para todos os públicos.
O ciclo contou con dúas representacións en setembro, Casting, de Hipócrita Teatro, e Instrucións para tomar café, de Ítaca Teatro.
A programación continuará este sábado ás 18:00 horas coa Compañía Satori e a súa obra Cores do camiño, dirixida ao público infantil e familiar. O 19 de outubro, o público poderá asistir en Santiago de Compostela á representación de A serie Clopen, do Centro Dramático Galego, cunha saída organizada dende o Concello ás 14:50 horas. As prazas son limitadas e teñen un prezo de 5 euros, sendo preciso inscribirse previamente na área de Cultura e Deporte.
Finalmente, o 25 de outubro ás 19:30 horas, Ius Theatrum traerá a obra Las preciosas ridículas, dirixida a todos os públicos, pechando así unha programación que busca achegar o teatro á veciñanza en todas as súas formas e estilos.
Todas as representacións celebradas no Centro Sociocultural de Rábade serán de balde, ofrecendo á cidadanía unha oportunidade única de desfrutar da cultura e das artes escénicas sen custo algún.