Don Guti abre a participación de Vilalba no Festival Atlántica o día 4
Vilalba estréase como sede do XII Festival Atlántica de artes escénicas e narración oral. Será o xoves 4 de xullo, ás 20.30 horas, no Parador, co artista zamorano José Luis Pérez Don Guti como protagonista.
Guti é gaiteiro, cantador, bailador e sobre todo contador de historias. O feito de chegar ao conto como parte dun traballo máis amplo dedicado desde hai moitos anos á etnografía fíxolle preparar un espectáculo no cal procura cinguirse ao que estritamente aprendeu en longas veladas de cociña e sobremesa nas vilas de Zamora, León e Salamanca, principalmente.
Todos os contos e romances que usa foron recollidos directamente de narradores tradicionais, na súa maior parte anciáns do mundo rural cos que compartiu moitos bos intres. Así se procura conservar o carácter dialectal de cada narración así como a atmosfera que envolvía ao narrador tradicional, carente de artificios nun mundo sen tele nin radio.
O conto téntase transmitir en toda a orixinalidade que o público e o espazo de narración permiten asumindo o salto que supón para a mesma narración o pasar dun fogar aceso ou dun portal dunha casa no verán nun pobo a un escenario e ante un público que en moitos casos perdeu o seu referente rural.
Guti traballou principalmente na contorna rural tentando dalgunha maneira de restablecer a cadea de comunicación-transmisión de cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.
A seguinte cita será o sábado 6, ás 21.00 horas na Liga Santaballesa, onde actuará Quico Cadaval tamén de balde e para público adultos.
As dúas sesións son de balde.