Dous alumnos do IES de Foz fan prácticas nun hotel de cinco estrelas en Turquía
Dous alumnos do IES de Foz fan prácticas na cociña dun hotel de 5 estrelas de Turquía. Son Andrés Ramos e David Delgado, alumnos do Ciclo Medio de Cociña que realizarán durante 92 días prácticas na cociña do hotel de 5 estrelas Side Orange Palace en Antalya, unha rexión moi turística que recibe numerosos visitantes alemáns e rusos. Esta mobilidade está enmarcada dentro da modalidade Erasmus Pro do programa KA102 FAE, concedido ao IES de Foz en xuño. As bolsas Erasmus Pro, para alumnos de FP, son de longa duración, máis de 90 días, e están subvencionadas.
Durante os primeiros días en Turquía os dous alumnos están acompañados pola coordinadora Erasmus do IES de Foz, Leticia Maseda, quen, dentro dunha Bolsa Erasmus de acompañamento, axudará aos alumnos a instalarse no país e colaborará co centro turco de hostalaría Sule Muzaffer Buyuk Mesleki ve Teknik Anadolu Lisesi, de Manavgat, socio Erasmus do IES de Foz, que titorizará aos alumnos en Turquía o resto da estancia. Un profesor deste centro, Onur Arlsan, visitará aos alumnos na empresa tres veces á semana e axudaraos a integrarse na vida do país, colaborando na procura do aloxamento, da empresa e nos desprazamentos.
Leticia Maseda explica que “o obxectivo destas actividades é principalmente o de aumentar a empregabilidade do alumnado e favorecer as súas perspectivas profesionais, ademais de mellorar a autocapacitación e autoestima, os coñecementos de linguas estranxeiras e ampliar a súa concienciación intercultural. Os resultados sempre son moi positivos para todos os participantes”.
Durante o mes de setembro realizaranse outras mobilidades de alumnado e profesorado no IES de Foz, dentro do programa Erasmus+. Haberá dúas a finais deste mes de setembro.
O director do IES, Nicolás Asensio, e o inspector educativo, Javier Suárez, realizarán unha mobilidade na rexión de Baden- Wurtermberg, en Alemaña. Durante seis días visitarán centros de FP de hostalaría da comarca, para ver in situ como traballan e como funciona o sistema educativo alemán. Ademais visitarán empresas que colaboran coa FP Dual alemá. Tamén dentro do KA103 dúas alumnas do Ciclo Superior de Dirección de Cociña, Carlota Cuevas e Belén Poveda, traballarán en Italia durante dous meses. Realizarán prácticas no restaurante Osteria Al Becco Della Civetta, da nosa socia Erasmus María Antonietta Santoro, quen visitou o instituto de Foz en 2018 e acaba de abrir un novo restaurante en Matera, Capital Europea da Cultura en 2019.