Dous ponteses foron galardonados por unha docuserie sobre saúde mental en Galicia

Epidemia Invisible, unha docuserie sobre a saúde mental en Galicia, vén de recibir o premio a Mellor Produción do XII Carballo Interplay celebrado esta fin de semana. Este proxecto impulsado por dous ponteses, o xornalista Román Varela e o filmaker Alberto da Silva, mesturará testumuñas en primeira persoa e investigación para trazar un retrato fidedigno sobre a problemática da saúde mental en Galicia.
O proxecto foi presentado nun pitching de dez minutos, no que competían contra outras cinco propostas finalistas de diversa temática, no que se expuxeron as liñas mestras do proxecto. Trátase dunha proposta documental para tratar o tema da problemática da saúde mental en Galicia mesturando testemuñas e investigación. Entre os obxectivos da serie están rachar co silencio e cos prexuízos arredor das enfermidades mentais cunha linguaxe e formato accesible á vez que se outorga un voceiro ás persoas directamente afectadas por esta problemática cunha visión interseccional.
O xornalista Román Varela sinala que se trata “dunha idea que levaba tempo nas súas conversas e atopamos no Carballo Interplay a oportunidade de ter este primeiro impulso necesario para levar a cabo un proxecto tan ambicioso e que involucra a toda a sociedade”. Aproveita tamén para agradecer en nome de todo o equipo, formado por sete persoas de diferentes ámbitos da comunicación, a investigación e a lingua, “a boa acollida que está a ter este proxecto e todo o apoio que nos están brindando para poder sacalo adiante”.
O xurado que outorgou o premio a Epidemia Invisible estaba composto por Xosé Regueira -Concelleiro de Turismo e Promoción económica do Concello de Carballo-, Sonia Méndez -codirectora do Carballo Interplay- e Bea Saiáns -gañadora do premio o ano pasado e directora da serie “Delirio Sketches”-. No fallo do premio, valoraron do seu pitching como “aborda unha problemática contemporánea cunha clara exposición argumentativa desde diferentes puntos de vista”.
Este premio á Mellor Produción do Carballo Interplay apoia proxectos en desenvolvemento cunha dotación de 3.000 euros que o equipo de Aboa Produtora destinará á produción do mesmo. O galardón ten como obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet. A estrea do mesmo realizarase na vindeira edición do Carballo Interplay no próximo ano 2026.