Dúas investigadoras, de Vilalba e Mondoñedo, foron premiadas pola Academia das Ciencias

TerraChaXa | AMariñaXa
Trátase da vilalbesa Cristina Gómez, na categoría de Ciencias Sociais, e da mindoniense Sara González, na de Ciencias Técnicas
premiadas-academia-ciencias
27 Nov 2024

A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) acaban de resolver a primeira edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves. Estes galardóns nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade, contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso. Distingue a contribución da investigación ao avance das tres ramas de coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas. Dous dos premios foron para a provincia de Lugo.

Na categoría de Ciencias Básicas a galardoada é Beatriz Pelaz, que traballa no desenvolvemento de nanomateriais para lograr fármacos máis eficientes; en Ciencias Técnicas distínguese a Belén Riveiro, polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde á vilalbesa Cristina Gómez, dedicada a estudar o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas. A mindoniense Sara González recibiu un accésit en Ciencias Técnicas.

Ao certame, que ten unha periodicidade bienal, poden presentarse persoas investigadoras que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que fosen nais ou das persoas con algunha discapacidade. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéndose ademais varios accésits. A esta primeira convocatoria presentáronse 63 propostas. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará en decembro.

En Ciencias Sociais prémiase a Cristina Gómez (Vilalba, 1985), profesora de Psicoloxía da USC. Desenvolve o seu labor no campo da psicoloxía política, a acción colectiva e o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas, participando no proxecto europeo Caught in the Act of Protest. Investiga ademais sobre problemas ambientais no CRETUS, onde coordina o seu programa de Mentores. Foi bolseira FPU, da Fundación Barrié e do CIS -Centro de Investigaciones Sociológicas-. Doutora en Psicoloxía Social pola USC, publicou 9 capítulos de libros e 15 artigos en prestixiosas revistas, 14 deles indexados en Scopus e en Web of Science, cun alto impacto. Realizou estadías de investigación nas universidades de Groningen (Países Baixos), Lisboa e Ámsterdam.

Concedeuse un accésit á enxeñeira Sara González (Mondoñedo, 1982), profesora de Enxeñaría Química na USC e investigadora do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais -CRETUS-. As súas liñas de investigación inclúen a economía circular, o estudo das pegadas ambientais e a análise da sustentabilidade; empregando a metodoloxía da análise do ciclo de vida (ACV) en sistemas industriais, agroalimentarios, urbanos e forestais; o que lle ten permitido expoñer estratexias de circularidade e deseñar biorrefinerías nestes sectores. Ten unha produtiva traxectoria investigadora e de transferencia de resultados ao ámbito empresarial, cun financiamento superior a 1,8 millóns de euros. Está incluída no Top 2% de investigadores máis citados segundo a lista elaborada pola Universidade de Stanford, forma parte da coordinación da Red Española de ACV, é membro da Red Española de Biorrefinerías Sostenibles e responsable de la Agencia Estatal de Investigación para la evaluación del principio de “Daño sensible al medio ambiente”.

0.16086101531982