Dúas medallas para o loitador vilalbés Kevin Cuba no Torneo de Jóvenes Promesas de Alicante

O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana viviu unha fin de semana intensa e chea de éxitos, con participación destacada tanto en torneos internacionais como en concentracións nacionais de cara aos vindeiros Campionatos de España.
Kevin Cuba, un dos loitadores máis destacados do club, competiu no prestixioso Torneo Internacional de Jóvenes Promesas, celebrado en La Nucia (Alicante), onde se deron cita centos de deportistas procedentes de 17 países de Europa, Asia e América. O sábado, na categoría U23, o vilalbés subiu ao podio tras acadar a medalla de bronce, por detrás do representante de Canadá, que se fixo co ouro, e de Aimar Alzón, vixente campión de España, que logrou a prata.
Na xornada do domingo, Kevin volveu loitar, desta volta na categoría U20, acadando a medalla de prata tras caer na final ante o representante de Turkmenistán. Tras o torneo, o deportista vilalbés desprazouse a Murcia, onde participará nunha concentración internacional con loitadores de oito países distintos.
Ademais, este sábado tamén se celebrou no CGTD de Pontevedra a concentración previa aos Campionatos de España U13, que terán lugar o próximo 10 de maio en Madrid. Nesta sesión preparatoria participaron os integrantes do combinado galego, entre os que se atopaban varios loitadores do club vilalbés que conseguiron a súa praza grazas aos bos resultados obtidos no Campionato Galego da categoría.
Alejandra Valle, Sara Martínez, Noela González Carreira, Alonso Maceira e Bruno Pintos serán os representantes de Vilalba na cita estatal, formando parte do equipo galego que viaxará á capital.