Duende Circo e Mago Deimi actúan esta fin de semana no Vicedo
A.V. de San Román do Vicedo organizou unha dobre xornada de actividades para este fin de semana dirixidas principalmente ao público familiar.
A primeira destas actividades será a actuación de Pallaso Total, a través do programa Cultural de Nadal 2020 da Deputación.
Será o sábado 2 de xaneiro ás 18:00 h, na Casa da Cultura. Trátase da actuación dun peculiar pallaso combinando a linguaxe xestual e emocional. "El ven cheo de enerxía, a todo corazón. A través do xogo, máis a interacción co público, provoca a nosa risa e a conexión co noso neno interior", din.
Pallaso Total é o espectáculo de Duende Circo, creación de Víctor Cantero, un artista multidisciplinar que actuou por case toda Galiza. Tamén por España, Portugal, Francia, México e Guatemala.
Aplicarase o protocolo COVID e limitarase a asistencia a 60 persoas. Recoméndase reservar praza no WhatApp 658 85 65 73.
MAGO DEIMI
Continúan as actividades socioculturais neste distinto Nadal cunha actuación de maxia a cargo do Mago Deimi. Será o domingo 3 de xaneiro ás 18h na casa da cultura. Trátase dun espectáculo de maxia variada e divertida, moi dinámica e cun toque de humor e desenfado que encaixa á perfección co público familiar.
Destaca a técnica deste mago con moita experiencia e de dilatada traxectoria: cartomaxia, manipulación, escapismo, mentalismo, levitacións, aparicións e desaparicións, maxia con lume, transformacións… E todo acompañado de grandes doses de retranca e música e fondo para marcar o ritmo dun espectáculo no que é fundamental a participación do público. Lembramos que se manteñen as medidas establecidas por Sanidade e o aforo está limitado a 60 persoas ás que se lles vai ir asignando butaca seguindo a orde de chegada.