Duras críticas do BNG de Guitiriz polo despido dun traballador do GES
O concelleiro do BNG de Guitiriz, Xosé Lois González Souto (Pereira), ven de criticar duramente á Alcaldesa de Guitiriz Regina Polín despois de que despedira o pasado dia 20 a un dos empregados dos GES (Grupo de Emerxencia Supramunicipal) “Este operario do GES o único que pretende é uns horarios racionais, con cadrantes que non estean sometidos á arbitrariedade dunha alcaldesa que está mais empeñada en que os GES fagan labores impropias coma recollida de lixo e limpeza viaria, que as propias da súas funcións: atención de emerxencias e labores preventivas”.
Este traballador dos GES foi despedido un día antes de finalizar o período de proba despois de denunciar a concreción das súas vacacións, que lle colocaran as libranzas de xeito que puidera asistir ós cursos de formación que ten a Xunta para estes traballadores de emerxencias ou os EPIs que corresponden ò seu labor. “Imaxinade que mañán despiden a alguén, polo mero feito de reclamar guantes, botas, o buzo ou o casco nunha empresa de construción, por exemplo” denuncia Pereira.
Para Pereira “a Alcaldesa está actuando como si fose a mala xerente de unha empresa privada pero sen ter en conta que os cartos que manexa son de todos e todas. A política laboral do Concello de Guitiriz vai camiño de se converter no mais semellante a unha empresa escravista. Prepotencia, imposición, discriminación e represión van da man de prácticas despóticas e discrecionalidade. O ocorrido é un ataque contra os dereitos dos traballadores e contra as súas liberdades impropio de unha administración pública e de unha alcaldesa que se dí socialista”.
“Dende o BNG, non entendemos nin estamos de acordo coa política laboral que se está aplicando en Guitiriz cos traballadores do Concello violando dereitos laborais básicos e que se estende a tódolos ámbitos laborais do Concello: os traballadores de axuda o fogar, PAI, escola de música, e agora os GES achegan queixas continuas e hai unha autentica avalancha de demandas xudiciais. O Concello está a perdelas todas e o resultado é que a inversión mais grande de Regina Polín e do seu goberno nesta lexislatura é en indemnizacións de despido derivadas de contratacións irregulares ou de decisións políticas.
Reclamamos con rotundidade un xiro de 180 graos na política laboral do Concello, a volta ás mesas de negociación, o cumprimento das leis e dos convenios e un cambio de actitude da Alcaldía que pase polo respecto e a consideración debida ós traballadores e traballadoras e ás labores que realizan” declara Pereira que anuncia o apoio total ás reivindicacións dos traballadores e todas as mobilizacións que estes poidan realizar nos vindeiros días facendo un chamamento á cidadanía a que apoie expresamente ós traballadores e traballadoras do Concello fronte o maltrato da Alcaldía.