"É unha profesión que, en principio, seduce, pero para chegar a ser xuíz son moitos anos de formación”

TerraChaXa
Javier Freije, xuíz da edición actual da Moexmu
xuiz-moexmu-francisco-javier-freije
6 Apr 2025

A Moexmu está a vivir unha nova e exitosa sesión, na que participa Francisco Javier Freije Freije como xuíz. É propietario de Casa Roxo en Vegadeo (Asturias), unha explotación gandeira de carácter familiar, con 190 cabezas de gando (94 en ordeño), unha produción media de 11.620 kg. de leite e unha media de cualificación de 83 puntos. Casa Roxo é a segunda explotación por ICO do Principado.

A súa experiencia como xuíz é ampla. Freije é Xuíz Nacional de Conafe en activo dende 2004, ano no que acudiu á Moexmu por primeira vez. Dende dita data, xulgou numerosos concursos, en Asturias, Castela León, Mallorca, Guipúzcoa, Cantabria, Tolosa, entre outros. Tamén estivo en tres ocasións anteriores na Moexmu. Foi director Técnico da XXXVII Escola de Xuíces Gandeiros celebrada en el Valle de Los Pedroches (Córdoba) e da XXXIX Escola de Xuíces Gandeiros celebrada en Cantabria en 2022. En Portugal xulgou en varias ocasións, dende o concurso de Agroleite en 2005, ata o último, que foi en 2023.

Ten unha relación moi directa coa Moexmu, xa que estivo moitas veces. Como a ve?

Aparte de ser o xuíz do concurso en varias ocasións, tamén son un espectador asiduo desde hai moitos anos e é fácil constatar que existe unha implicación moi grande, entre os gandeiros e a organización nesta feira. Véxoa como un recoñecemento social ao sector agrogandeiro, da importancia e o arraigamento que ten en Galicia en xeral e na terra cha en particular. O secreto do seu éxito é que non perderon a súa esencia, e segue sendo unha festa do sector.

Tamén é gandeiro coa súa propia explotación. Como ve o sector agrogandeiro?

Aínda que ben é certo que actualmente gozamos dun momento máis ou menos positivo e a curto prazo todo parece indicar que as perspectivas son boas, dubido que sexan o suficientemente boas para paliar todos os agravios e danos que sufriu este sector, historicamente tan deostado social e politicamente.

Que futuro ten? Hai unha substitución xeracional ou a xuventude segue a escapar do rural?

Eu diría que si… pero tamén diría que o que lle queiran dar a nivel político e de prezos. O futuro baséase en opcións, se non tes onde escoller agárraste ao que sae, en cambio se tes varias opcións de futuro, escollerán a mellor. Traballemos para que sexa unha boa opción.

Que cousas quedarían por facer?

Para que exista futuro no sector, temos que traballar en catro piares fundamentais. Por unha banda un recoñecemento social, abastecemos ás cidades, alimentamos o mundo, merecémonos un recoñecemento e prestixio como profesión. Tamén traballar no reto ambiental, algo que ten que ser para todo o mundo, Europa dedicouse a poñer tapóns pegados ás botellas e os demais países pásannos por riba. Engadimos tamén a substitución xeracional e man de obra, xa que temos que ter horario e soldos máis que dignos. Finalmente, traballar na viabilidade, como calquera negocio, se non é viable non se sustenta no tempo, e aquí tanto o gandeiro como os seus empregados teñen que gañar moito diñeiro, senón, nin haberá gandeiros nin obreiros. A sociedade quere traballar menos e gañar máis, porque temos que seguir sendo unha excepción?

Cóntenos un pouco como se chega a ser xuíz. Que requisitos fan falta?

Para ser xuíz é necesario realizar uns cursos denominados Escola de Xuíces, que a propia asociación Frisona Española imparte. Adóitase celebrar un ao ano e tes que ter 5 cursos aprobados cun mínimo de 2 con categoría A (+95% de acertos) e 3 con categoría B (+90% de acertos). Unha vez que teñas eses cursos serás un xuíz non activo. Para ser activo teñen que pasar 3 reciclaxes de xuíz, que se celebra 1 por ano, e unha vez aprobados estas reciclaxes o comité de Xuíces valora se es un candidato para formar parte do persoal de xuíces de Conafe. Co que che quedaría un exame, que sería unha proba cos xuíces activos, onde se valora o que sabe de vacas e como es capaz de explicalo. Así que estamos a falar que no mellor dos casos lévache 9 anos ser xuíz de Conafe.

E como se lle ocorre a un ir por ese lado?

No meu caso, por unha gran afección ás boas vacas xa desde neno, a inquietude por aprender, o reto de superarme e a paixón por transmitir os teus coñecementos e a autosatisfacción de gozar unha paixón.

Ten percorrido xa toda España e tamén ou país veciño. Que lle achegan estas viaxes?

As viaxes son unha forma de inspiración, coñeces formas distintas de traballar, de compararche con outros lugares e outros métodos, pero sobre todo coñeces e fas amigos cun nexo en común, que son as vacas, compartir a túa paixón, compartir experiencias e forxar amizade, creo que é o máis bonito que un se pode levar.

Ve diferenzas importantes entre estas zonas diferentes e mesmo países distintos?

Si, hai moitas diferenzas, hai zonas onde a paixón polas boas vacas está por riba de todo, noutras a mentalidade é máis empresarial, outras zonas o clima e as condicións fano máis difícil e máis duro, pero en todas o gandeiro adoita ser un gran profesional.

É unha profesión en auxe? Dígoo porque parece que se está a coidar a calidade do gando.

É unha profesión que, en principio seduce, pero a verdade é que para chegar a ser xuíz son moitos anos de formación e nunha sociedade como a actual na que queremos todo e querémolo xa, só son poucos os que o conseguen, de feito o persoal de xuíces de Conafe esta formada por 13 persoas. En Galicia hai moita xente nova con gran entusiasmo, que seguro que algúns o conseguirán… coñecementos e paixón non lles falta.

Que valora un xuíz no gando?

Un xuíz valora todas as partes da vaca. O acto de xulgar baséase nunhas características morfolóxicas xa establecidas e aprobadas pola asociación á cal pertencemos, Conafe, e da asociación Holstein Mundial, onde se analizan todas as partes e rexións do corpo da vaca desde o punto de vista da funcionalidade, lonxevidade e rendibilidade, é dicir, vacas que produzan moito leite durante moito tempo, sen problemas de saúde.

⚙ Configurar cookies
0.12498903274536