Efrén Castro acusa á Xunta e a Arias de “vivir instalados na mentira” sobre a Torre de Caldaloba

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, respondeu ás declaracións feitas polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo alcalde de Cospeito, Armando Castosa, sobre a situación da Torre de Caldaloba, asegurando que tanto o Goberno galego como o propio Arias “están instalados na mentira” e que “levaron mentindo neste asunto desde o primeiro día”.
Castro lembrou que a Deputación tratou de poñerse en contacto coa Xunta “en numerosas ocasións”, tanto por vía administrativa como política, “sen obter ningunha resposta”, a pesar de ter comunicado oficialmente en abril a súa disposición para colaborar na consolidación e posta en valor do monumento.
O vicepresidente provincial criticou que a Xunta “levou dous anos sen facer nada, impedíndonos actuar nin sequera limpar a zona”, e advertiu que “Caldaloba segue deteriorándose mentres eles seguen liando a madeixa”. Engadiu que o Goberno autonómico “non amosou interese ata que nós decidimos adquirir a propiedade” e acusouno de “enredar agora cun dereito de retracto que poderían exercer cando queiran”.
Segundo explicou Castro, a Deputación informou puntualmente á Xunta do seu dereito de retracto sobre a compra dunha parte da propiedade realizada pola institución provincial en novembro de 2022, e defendeu que “ese dereito nunca se lle negou, o único que teñen que facer é exercelo se de verdade queren colaborar”.
Desde a Deputación lamentan que a Xunta estea a obstaculizar un proxecto que busca preservar un dos bens patrimoniais máis emblemáticos da provincia e insisten en que “mentres eles seguen instalados na mentira, Caldaloba segue perdendo tempo e historia”.
