Efrén López e Michalis Kouloumis farán un obradoiro e un concerto en Rábade
Por primeira vez, o dúo formado por Efrén López e Michalis Kouloumis, dous dos máis recoñecidos intérpretes no eido das músicas tradicionais mediterráneas do leste así como da música clásica Ottomana, acheganse a este que é o recanto máis occidental do continente. Farano cunha xira por gran parte da nosa xeografía e apostando polas pequenas salas que respaldan a música en directo. Combinarán a oferta de concertos cunha interesante axenda de obradoiros e clases maxistrais para músicos.
Nado no seo dunha familia de fonda tradición musical na illa de Chipre, Michalis Kouloumis desenvolveu unha forte sensibilidade musical dende ben novo. Hoxe é un dos máis importantes violinistas na escea da música clásica otomana e da música tradicional Grega, amplamente recoñecido polas súas habilidades improvisatorias baseadas no emprego da música modal e noutras técnicas especiais coma o diplochordo.
Efrén López é un virtuoso músico multi-instrumentista, productor musical e enxeñeiro de son, nado en Valencia. Foi membro cofundador de L´Ham de Foc e participou en diversos proxectos no eido da música antiga e das músicas tradicionais de raíces mediterráneas. Ademáis ten colaborado con destacadísimos artistas do panorama pop-rock nacional como Manolo García, Chambao, Soledad Jimenez, etc.
O dúo Efrén López Michalis Kouloumis é unha proposta na cal ambos músicos poñen a disposición da música todas as súas experiencias e destrezas, ofrecéndonos unha experiencia inesquecible de extrema sensibilidade que nos introduce nun mundo único de diversas sonoridades e cores. Acompañados de numerosos instrumentos procedentes de alonxadas tradicións e cun repertorio cargado de achegas persoais e dos repertorios das principais culturas musicais modais no que se exceden as fronteiras a prol da universalidade; o dúo López-Kouloumis sobrepasarán os límites da nosa imaxinación.
O obradoiro céntrase nas tradicións do leste do mediterráneo, a través dun repertorio acheganos aos fundamentos do sistema modal turco e dos “makams” e introducirémonos no mundo dos “taksim" ou improvisación modal.
O curso é conducido por Michalis Kouloumis e conta coa asistencia de Efrén López, quen fará de intérprete e introducirá as cuestións máis teóricas. Para o estudio empregaránse diferentes partituras en diferentes makams para unha mellor comprensión do estilo. O curso é axeitado para todo tipo de instrumentos de vento e corda que non posea trastes, tamén para voz.
O obradoiro de música modal será o 27 de maio en Rábade, na Casa das Insuas, ás 10:00, e o concerto comezará ás 20:00.