“Ela contaba as súas ideas para a historia e eu facía o esquema”

Como xurdiu a idea de facer este libro?
Eu (Francisco) sempre ando con algún libro debaixo do brazo. Oriana, cando me vía lendo no bar dos pais, preguntábame de que se trataba, e eu explicáballo. A nai díxome un día que a Oriana custáballe moito poñerse a ler, e eu, nun dos encontros coa nena, pregunteille por que. Contoume que non atopaba nada que lle interesase, así que se me ocorreu propoñerlle que escribise o seu propio libro, que eu a axudaría. Así íalle interesar seguro. Esa idea gustoulle moito e así empezou todo.
Como reúnen esforzos para facer posible esta primeira obra?
Quedabamos polas tardes no bar dos pais de Oriana. Ela contaba as súas ideas para a historia e eu facía o esquema do libro. Ademais, a nena encargouse de facer todos os debuxos do mesmo (incluída a portada), que ao final pasamos por un filtro de IA para darlles máis profesionalidade sen perder a estrutura ideada por Oriana. Tarde tras tarde ía escribindo e dándolle forma á historia ideada pola nena e, se quedaba sen material, preguntáballe como lle gustaría seguir.
De onde xurdiu a historia?
A totalidade da historia xurdiu da imaxinación de Oriana. Eu só a estruturei e a plasmei dunha forma literaria.
Que nos conta Mágicos Cupcakes?
É a historia de dous amigos que investigan unha misteriosa pastelaría que elabora uns cupcakes que proporcionan poderes máxicos. As aventuras destes dous personaxes alárganse ata a vellez e están cheas de sorpresas para o lector.
Que aceptación tivo no público?
Estamos moi contentos coa acollida. A xente interesouse moito pola historia e chámanos a atención que tamén está a gustar moito aos lectores adultos, xa que se trata dun libro cheo de mensaxes de vida que fan reflexionar.
Como foi a busca de editorial?
Como non queriamos esperar meses pola resposta dalgunha editorial, optamos pola autopublicación. A maioría das editoriais de autopublicación requiren bastante investimento inicial, pero ao final atopamos Bookmundo, que nos permitía a impresión baixo demanda e todo o proceso de rexistro por un investimento bastante menor ca as outras.
Teñen pensado facer presentacións do libro?
A Oriana gustaríalle facer unha presentación no seu colexio, pero está pendente de falar e organizar co centro.
Xa están traballando nunha segunda peza?
De momento non contemplamos unha segunda peza, pero sería factible.
FRANCISCO
Como se dá o salto da música á escrita?
Son un lector empedernido dende moi novo. E, ao igual que fago coa miña música, gústame contar historias. A única diferenza é que, en vez de usar notas e un pentagrama, nesta ocasión tratouse de palabras e dunha folla en branco.
Non é das Pontes, como escolleu este lugar para vivir?
Por pura casualidade. Eu vivía na Coruña e buscaba un lugar máis tranquilo para traballar e compoñer. Xurdiume unha oportunidade de mercar algo nas Pontes e cando vin o lugar, rodeado de natureza, namoreime e non o pensei dúas veces.
Se non me engano, é músico, informático e escritor, con que faceta queda?
A música e a literatura son as miñas paixóns. A informática é a miña profesión, que tamén adoro, e é a que paga as facturas. Deste xeito podo dedicarme a escribir e compoñer sen a presión de ter que publicar nunha data específica ou que unha editorial ou discográfica me impoña nada.
ORIANA
O teu futuro está en ser escritora?
Gústame crear contos e ter moita imaxinación, pero o día de mañá gustaríame ser outra cousa, como por exemplo mestra, perruqueira ou traballar no bar da miña nai e da miña tía porque está ao lado da miña casa.
Ademais de escribir, que outras paixóns tes?
Gústame pintar, tocar o piano, debuxar, bailar e gústame comer.
Como van as cousas no colexio? Gústache estudar?
Este curso pasado foime máis ou menos; fíxoseme difícil, pero gústame ir igualmente. Gústame facer exercicios na clase e a miña mestra Berta é moi boa.