Elba Veleiro presentou ante a veciñanza o seu programa para a próxima lexislatura

TerraChaXa
A Alcaldesa de Vilalba e candidata á reelección polo PSdeG, Elba Veleiro, ofreceu un mitin na Praza das Mulleres da localidade chairega.
MITIN VILALBA PSOE ELBA VELEIRO
22 Maio 2023

“Agora estou en mellor disposición de ofrecer a mellor proposta política para xestionar este concello, un concello que estaba totalmente abandonado, e que tivemos que comezar a reconstruír nun tempo récord”, apuntou a alcaldesa socialista.

A alcaldesa de Vilalba e candidata á reelección polo PSdeG, Elba Veleiro, ofreceu este domingo un mitin na Praza das Mulleres da localidade chairega, ao que asistiron numerosos veciños e veciñas, afiliados e simpatizantes. “A partir do 28-M imos seguir avanzando no cambio de modelo porque estamos no bo camiño”, destacou a socialista.

No encontro participaron tamén a número dous da candidatura, Marta Rouco, o ex Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez.

Destacou Veleiro que no 2019 os socialistas obtiveron “unha resposta extraordinaria e determinante e, a pesar dos atrancos pola pandemia e a crise económica, nestes catro anos deixámonos a pel por non deixar a ninguén atrás”. Neste sentido lembrou as medidas que tomaron desde o Concello, como o reparto de máscaras, a inxección económica ao comercio local ou a cobertura das necesidades básicas a aquelas persoas máis vulnerables.

“Agora estou en mellor disposición de ofrecer a mellor proposta política para xestionar este concello, un concello que estaba totalmente abandonado, e que tivemos que comezar a reconstruír nun tempo récord”, apuntou a socialista, que espera aproveitar a experiencia deste tempo para “continuar avanzando”.

A alcaldesa manifestou a súa vontade de seguir transformando Vilalba ata acadar un concello “xusto, transparente, inclusivo e con igualdade de oportunidades para todos os cidadáns”. Elba Veleiro quere seguir liderando un Goberno local “que represente os dereitos de todos e todas, que impulse a creación de emprego, que promova a cultura e o deporte, e que faga de Vilalba o lugar no que queiramos vivir”.

Un programa pensado en clave social

No que ten que ver coas súas propostas programáticas, a Alcaldesa e candidata á reelección sinalou que seguirán potenciando os espazos pensados para as persoas a través dun plan de humanización continuo, que reformarán a Casa Consistorial ou a implantación do proxecto de arborado no casco urbano. “Impulsaremos a peonalización da Praza de Santa María e dinamizaremos o casco vello, ao tempo que continuaremos traballando na creación de aparcadoiros e na mellora da circulación”, engadiu.

“Continuaremos o esforzo inversor destes catro anos en comunicar mellor as parroquias, priorizando polo número de veciños que circula por ela”, dixo sobre o rural de Vilalba, para o que tamén se comprometeu, entre outras cuestións, a mellorar os servizos e continuar coa mellora das escolas habaneiras tras a remodelación das de Carballido, Tardade e Santaballa.

A socialista quere seguir traballando en termos de transparencia e eficiencia e nese sentido apuntou á necesidade de aprobar a RPT municipal, xa rematada, pero que non foi posible aprobar neste mandato. Tamén comprometeuse na súa aposta pola cultura e o deporte e sinalou que nos vindeiros catro anos centrará a súa atención nos maiores, para quen creará unha concellería específica e por quen loitará para a creación dun Centro de Día público entre outras cuestións.

Un traballo de equipo

Agradeceu Veleiro o labor de equipo que a levou á Alcaldía, “un grupo de mulleres e homes plural, que atesouran experiencia e novas ideas. Persoas sen as que sería imposible estar aquí e facer cada día un bo traballo para a veciñanza”. Lembrou a socialista a aqueles que foron nas candidaturas desde o 2007 e repasou algunha anécdota da primeira vez que se presentou como cabeza de lista. Deu as grazas polo traballo conxunto das persoas que fixeron posible un cambio de modelo en Vilalba e pediu o apoio das veciñas e dos veciños para seguir avanzando nesa forma de ver a capitalidade chairega: máis xusta, máis transparente, inclusiva e con igualdade de oportunidades.

0.15676093101501