Elba Veleiro presenta a candidatura socialista para as eleccións do 28M
A lista está encabezada por dúas mulleres e pretende consolidar o proxecto socialista coa presenza de concelleiros e concelleiras nos primeiros postos e tamén caras novas que se suman ao equipo.
A Agrupación Socialista de Vilalba vén de presentar oficialmente a súa candidatura para os comicios municipais do 28 de maio despois de ser ratificada pola Asemblea Local e aprobarse nos órganos superiores do partido.
Un total de 21 nomes representativos da sociedade vilalbesa, unha lista interxeracional e intersectorial encabezada pola actual alcaldesa Elba Veleiro, médica de profesión que se fixo co bastón de mando en maio do 2019 tras máis de 40 anos de gobernos do PP.
A actual tenente de alcaldesa, Marta Rouco, ocupa o segundo lugar, liderando a lista do PSOE local dúas mulleres, e no terceiro posto, Eduardo Vidal, concelleiro no goberno e ex deputado provincial. A candidatura mantén a meirande parte dos nomes dos edís socialistas neste mandato, como Luis Fernández no número 5, Ignacio Criado no 6, e Antía Rama no 7, incorporando novas caras ao equipo como Paula Vigo no posto 4 e Daniel Vilasuso no 8.
En palabras da candidata á alcaldía, “presentamos unha lista plural, con representación de moitos sectores sociais, distintas profesións, xeracións, e que combina experiencia de xestión con persoas que veñen a aportar e sumar, con ideas novas para o progreso e cambio que se iniciou en Vilalba no 2019 e que agora queremos continuar”, afirmou Veleiro no acto no que se desvelaron os nomes da lista socialista “coa que saímos a gañar, a revalidar o apoio e confianza da maioría social e a consolidar este proxecto para o que se sentaron as bases e que precisa de máis tempo para seguir traballando e colleitando resultados”.
Ademais, a actual rexedora destacou “a presenza nesta candidatura de persoas vencelladas ao rural, pois seguimos coa teima de tratar de ampliar servizos nas parroquias e mellorar as condicións de vida, un gran reto que todos debemos asumir”. Veleiro puxo de relevo que “despois destes catro anos no goberno, presentámonos ás eleccións coa convicción de que temos o mellor equipo para culminar todos os compromisos que adquirimos logo de sentar as bases nun concello que sufriu durante anos o abandono dos anteriores gobernantes”, remarcando que “é imprescindible a vontade e a confianza da xente para gañar estabilidade e poder continuar desde un goberno estable e forte”.
Desde a Agrupación Socialista tamén quixeron facer un recoñecemento a compañeiros falecidos nos últimos anos, como Julián Prieto, Álvaro Pernas, José Gómez, Fortunato Verdes, Luis Fernández ou Maximino Lafuente, agradecendo ás súas familias “o compromiso coas ideas e conviccións e a axuda indispensable para que o Partido Socialista puidera chegar a gobernar Vilalba”.
Candidatura
- Mª Elba Veleiro Fernández. Médica. Centro Saúde Vilalba
- Marta Mª Rouco Seoane. Licenciada Ciencias Políticas e da Administración. Xerente Consorcio Provincial Bombeiros (GOIRIZ)
- Eduardo Vidal Baamonde. Licenciado en Veterinaria. Inspector Sanidade Animal OAC Vilalba
- Paula Vigo Lamas. Graduada Ciencias Empresariais. Empregada Xestoría
- Luis Fernández Álvarez. Diplomado Ciencias Empresariais. Asesor fiscal, laboral e contable
- Ignacio Criado Montenegro. Administrativo. Oficina de Emprego Vilalba. Xubilado. (Mourence)
- Antía Rama Rivas. Técnica Superior en Produción de Radio, TV e Espectáculos e Técnica Superior en Administración e Finanzas
- Daniel Vilasuso Comba. Autónomo – Sector Transporte (Ladra)
- Vanesa Siso Calvo. Xornalista especializada en comunicación política e social. Técnica en Promoción da Igualdade
- Miguel González Montes. Médico residente de Cardioloxía no Hospital Universitario da Coruña
- Antonia Gudiño Sopa. Gandeira (Corvelle)
- Francisco Lozano Rouco. Enxeñeiro Técnico Agrícola (Sancovade)
- Milagros Ares Basanta. Emigrante retornada (Lanzós)
- Duarte Barrio Rego. Empregado sector público
- Isabel Veiga Rañal. Gandeira xoven. Técnica Superior en Informática (Xoibán)
- Mª Soledad dos Santos Gómez. Traballadora Social
- Francisco Monasterio Silveira. Presidente Avimós. Xubilado (Mourence)
Suplentes
- Clara López Montes. Administrativa (San Lorenzo de Árbol)
- Ángel Souto Rego. Sector Gandeiro. Xubilado (Santaballa)
- Antía Maseda Otero. Técnica Superior Animación Sociocultural. Empregada sector servizos
- Félix Aníbal Luaces Pena. Cooperativismo Sector Primario. Xubilado (Mourence)