Eloi Cabanas será o candidato do BNG no concello de Mondoñedo

TerraChaXa | AMariñaXa
14 Abr 2019

A asemblea local do BNG no concello de Mondoñedo anuncia que o novo cabeza de lista para as eleccións municipais de maio será Eloi Cabanas Ramos.

Cabanas, nado en Vilamor no 1977, está relacionado co medio rural e o medio ambiente, é Técnico Superior en Xestión de Recursos Naturais e Paisaxísticos e Técnico Especialista en Explotacións Agropecuarias. Na actualidade traballa como Bombeiro Forestal no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia no Distrito VI da Mariña. O alcaldable do BNG tamén está moi vinculado á música mindoniense, formou parte de varias agrupacións locais e actualmente e membro da banda Pascual Veiga de Mondoñedo onde toca o saxo e clarinete.

Eloi Cabanas, que xa substituíra ao anterior alcalde de Mondoñedo, Orlando González, na portavocía do concello logo das municipais do 2015, declara que se presenta a estas eleccións con moita ilusión, responsabilidade e co aval do traballo realizado nestes últimos catro anos desde a oposición, poñendo derriba da mesa propostas e alternativas que evidencian a necesidade de que o BNG estea no concello con forza para liderar un goberno capaz de desenvolver, todas esas iniciativas que lograron aprobar no concello e que o goberno popular de Elena Candia non soubo sacar a diante.

Para Eloi Cabanas, o goberno municipal nestes últimos catro anos non foi quen de dar solución a ningún dos problemas estruturais que padece o concello, “Mondoñedo ten un problema demográfico moi grave que afecta ao dinamismo económico do concello, temos unhas das estruturas de idade máis envellecidas da comarca cunha perda de poboación do redor de 80 habitantes ao ano”.

O novo cabeza de lista apunta que a súa formación está a punto de cerrar a lista con que o BNG local se vai presentar a estas eleccións e que xa están centrados na elaboración do programa electoral para os comicios do mes de maio.

No BNG temos as ideas claras do modelo de concello que queremos para Mondoñedo, un concello coidado, con vida e onde a nosa mocidade non se vexa obrigada a marchar por falta de expectativas ou oportunidades de traballo”.

Segundo o BNG, a cidade necesita un alcalde ocupado en dar solución aos problemas diarios da veciñanza e coa cabeza posta só en Mondoñedo.

0.14141702651978