Empresarios de Vilalba arranca unha campaña de dinamización comercial polo Día do Pai

TerraChaXa
Trátase dunha iniciativa que se desenvolverá do 12 ao 21 de marzo nos establecementos asociados do municipio
agasallo-namorados-dia-do-pai-paquete
11 Mar 2026

A Asociación de Empresarios pon en marcha unha nova campaña de dinamización comercial con motivo do Día do Pai baixo o lema “Cando sexas pai… Xa o entenderás”, unha iniciativa que se desenvolverá do 12 ao 21 de marzo nos establecementos asociados do municipio. A través desta idea quérese poñer en valor a transmisión de valores entre xeracións, entre eles un fundamental: apostar polo comercio local para realizar as compras do día a día.

Durante os días da campaña, as persoas que realicen compras nos comercios participantes recibirán participacións para entrar nun sorteo en función do importe da súa compra. Así, as compras de 10 a 49,99 euros recibirán unha participación; de 50 a 99,99 euros, dúas participacións; e de 100 euros ou máis, tres participacións.

Entre todas as participacións recollidas sortearanse dous vales Saúde e Gastronomía para o Spa Áttica 21 de Vilalba, unha experiencia que combina benestar e gastronomía e que servirá como premio para as persoas gañadoras.

As persoas gañadoras do sorteo daranse a coñecer o 25 de marzo, unha vez finalizada a recollida de participacións.

Esta iniciativa forma parte do programa de actividades que a Asociación desenvolve ao longo de todo o ano dentro da súa programación como Centro Comercial Aberto, co obxectivo de dinamizar o comercio local e fomentar as compras nos establecementos de proximidade. En concreto, esta é a terceira campaña que a entidade organiza no que vai de 2026, dentro dun calendario que contempla máis de dez accións promocionais .

A próxima cita dentro desta programación será a Feira de Oportunidades, que se celebrará o vindeiro mes de abril e que permitirá aos comercios participantes ofrecer produtos con importantes descontos.

Todas estas iniciativas desenvólvense baixo o selo Comercio Galego, unha marca impulsada pola Xunta de Galicia para reforzar a identidade e a promoción do comercio de proximidade. Esta iniciativa, xunto coa liña de axudas destinada ás actividades das asociacións de comerciantes, busca apoiar e fortalecer a actividade comercial dos Centros Comerciais Abertos de Galicia.

0.1171510219574