Empresarios de Vilalba arrancan a campaña de Nadal co sorteo de sete vales de cen euros

A Asociación de Empresarios de Vilalba presentou a Campaña de Nadal 2025, que este ano se desenvolve baixo o lema A Maxia pasa polo Comercio de Vilalba. A iniciativa busca impulsar o comercio de proximidade durante estas datas e premiar a fidelidade da clientela, apoiándose nun relato que sitúa Vilalba como o corazón de Galicia, un lugar no que cada decembro a maxia do Nadal fai unha pausa antes de continuar a súa ruta.
A campaña estrutúrase en dúas fases nas que participan 58 establecementos da vila. Na primeira, que terá lugar do 8 ao 24 de decembro, as persoas que realicen compras superiores aos 10 euros recibirán unha tarxeta de participación que deberá contar con tres selos de tres comercios diferentes para ser válida. O día 24 recolleranse todas as tarxetas entregadas e sortearanse tres vales de 100 euros entre as participantes.
A segunda fase desenvolverase do 25 de decembro ao 6 de xaneiro, repetindo a mesma mecánica: compras superiores a 10 euros, tres selos distintos e entrega da tarxeta no último establecemento visitado. As participacións recolleranse o 6 de xaneiro e o 8 celebrarase un novo sorteo de tres vales de 100 euros. Con este formato, a organización pretende animar os consumidores a percorrer diferentes tendas e coñecer a ampla oferta comercial do municipio, mantendo o espírito das edicións anteriores.
Como novidade, este ano haberá tamén un sorteo adicional nas redes sociais da Asociación de Empresarios de Vilalba, no que se entregará outro vale de 100 euros canxeable en calquera dos comercios adheridos. As instrucións para participar publicaranse nos perfís oficiais da entidade.
A historia creativa que acompaña a campaña fala dun “algo misterioso” que se detén en Vilalba cada 24 de decembro e cada 5 de xaneiro, deixando seis vales de compra en sinal de agradecemento ás persoas que seguen confiando no comercio local. Un relato simbólico que reforza a idea de que todos os camiños da maxia do Nadal pasan polo corazón de Galicia… pasan por Vilalba.