Empresarios de Vilalba convoca un obradoiro de transformación dixital para empresas e profesionais

A Asociación de Empresarios de Vilalba organiza, en colaboración coa Xunta de Galicia e a través do Igape, un Obradoiro de Transformación Dixital dirixido a empresas, cooperativas e profesionais do sector agroalimentario e forestal, así como a outros sectores interesados como automoción, formación ou servizos.
Este obradoiro ten como obxectivo identificar necesidades non cubertas en materia de dixitalización e mellorar a competitividade empresarial, mediante a integración de ferramentas dixitais avanzadas. Entre os contidos que se abordarán atópanse a automatización de procesos para mellorar a eficiencia, a ciberseguridade e as medidas de protección, así como o uso da Intelixencia Artificial, entre outros aspectos clave para a modernización das empresas.
A primeira sesión terá lugar o martes 20 de xaneiro ás 16:30 horas, no local da Asociación de Empresarios de Vilalba. Nela levarase a cabo a inauguración do obradoiro, a presentación detallada do programa e unha explicación das axudas previstas para o ano 2026, a cargo de persoal propio do Igape.
As seguintes sesións celebraranse os días 27 de xaneiro e 3 e 10 de febreiro, aínda que as datas e horarios poderán adaptarse en función da dispoñibilidade das persoas participantes. O número de prazas é limitado, polo que é necesario realizar inscrición previa a través do neste enlace.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico contacto@empresariosvilalba.com ou no teléfono 628947918.