Empresarios de Vilalba poñen en marcha a campaña de San Valentín 'Quen ten amor, ten un tesouro'

A Asociación de Empresarios de Vilalba iniciará este venres, día 6, a súa campaña de San Valentín, que será a primeira das accións incluídas no calendario anual de actividades do Centro Comercial Aberto. Con esta campaña dáse o pistoletazo de saída a un ano cheo de iniciativas co obxectivo de dinamizar e fidelizar o comercio local, un traballo que este ano se reforza coa creación da Mesa de Comercio, nacida coa finalidade de seguir avanzando na coordinación, na dinamización comercial e na mellora continua do sector, así como de incentivar as compras no comercio de proximidade.
Baixo o lema Quen ten amor, ten un tesouro, a campaña desenvolverase en tres partes diferenciadas, combinando compras no comercio local, participación en redes sociais e unha busca do tesouro, coa intención de implicar á veciñanza e atraer público á vila.
En primeiro lugar, realizaranse catro sorteos de vales de compra por valor de 50 euros cada un. Para participar, as persoas que realicen compras nos comercios adheridos á campaña recibirán rascas, cos que poderán entrar automaticamente no sorteo dos vales de compra, fomentando así o consumo no comercio local.
A segunda parte da campaña desenvolverase nas redes sociais da Asociación, onde se sorteará unha viaxe ás cabaniñas de Mi Tesouro, situadas no concello de Viveiro. Este sorteo dixital busca ampliar o alcance da campaña, atraer público máis novo e reforzar a presenza do comercio local no ámbito dixital.
Por último, a campaña contará cunha busca do tesouro. A partir do luns 9, a Asociación comezará a publicar pistas nas súas redes sociais que conducirán á localización dunha viaxe ás cabaniñas de Mi Tesouro, que estará agochado nalgún punto da vila. As pistas iranse revelando progresivamente ata que algunha persoa consiga atopar o premio, convertendo Vilalba nun espazo de xogo e participación activa durante os días da campaña.
Con esta iniciativa, a Asociación de Empresarios de Vilalba consolídase un ano máis como Centro Comercial Aberto, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia para dinamizar e fortalecer o comercio local.