En exposición pública o proxecto mineiro Ampliación San Acisclo de Muras

TerraChaXa
A disposición pública o proxecto de Explotación Mineira e Plan de Restauración da mina denominada Ampliación a San Acisclo, número 4076.
proxecto mineiro san acisclo muras
7 Feb 2022

Dende o pasado 21 de xaneiro do 2022 temos, no Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo, e no portal web da dita Consellería (https://ceei.xunta.gal/.../en.../explotacions-mineiras), a disposición pública o proxecto de Explotación Mineira e Plan de Restauración da mina denominada Ampliación a San Acisclo, número 4076 que se pretende abrir na parroquia de Silán, no no Concello de Muras.

Existe o plazo dun mes para a sua revisión e posibles alegacións ao mesmo, prazo que remata o 4 de marzo.

O presente proxecto trata de definir as condicións técnicas necesarias para a explotación da concesión citada, mediante a actualización das actividades extractivas xa comezadas no seu día, e a súa adaptación ao momento actual e posta en valor dos recursos coñecidos, adecuando as condicións de aproveitamento a un horizonte previsto máis concreto e realista, no cal se pretende desenvolver unha actividade extractiva que alcance diversas cotas de prosperidade, retomando unha actividade mineira que por moi diversas índoles quedou interrompida fai xa bastantes anos.

Indica o proxecto que non se pretende realizar nin ofrecer unha nova investigación xeolóxica, nin definir novas zonas de explotación, e debido a que a redacción do proxecto non se enmarca nunha nova solicitude de dereitos mineiros, non pretende este documento substituír a os anteriores que fosen redactados e achegados, senón máis ben actualizalos tecnicamente e complementalos no ámbito xeográfico concreto de explotación mineira. Ao tratarse de dereitos mineiros bastante antigos, e ao levarse neles unha actividade extractiva relativamente superficial e pouco intensiva, consideran que resulta "suficiente e perfectamente viable" continuar coa actividade nas frontes previamente alteradas, sen ocasionar maior afección superficial que a xa realizada no seu día.

A concesión Ampliación a San Acisclo forma parte do antigo Grupo Mineiro Silán, que queda localizado no extremo nororiental do termo municipal de Muras. Limita cos municipios de Ourol (ao norte), O Valadouro e Abadín (ao leste), As Pontes de García Rodríguez (ao oeste, xa na provincia da Coruña), e Xermade e Vilalba (ao sur). Esténdese sobre terreos situados na rexión oeste da parroquia de Silán (Santo Estevo) entrando xa na veciña parroquia do Viveiró (Santa María), abarcando a súa delimitación terreos comprendidos ao redor dos núcleos e lugares da Cabana, A Rúa, Ou Coto, O Navallo e A Margarida, e máis lonxe xa, os de Pereiro e Os Coruxos; e estendéndose sobre a formación montañosa conocida como O Pico de Escoiras, situada ao oeste do cordal da Serra do Xistral que, estendéndose de norte a sur, define a divisoria entre os termos municipais de Muras e O Valadouro.

0.13207101821899