En información pública, o proxecto de mellora de paradas de bus nas Pontes

TerraChaXa
O plan engloba sete concellos da comarca de Ferrol cunha inversión total de 1,8 millones de euros
bus-parada-escolar
19 Mar 2025

A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 61 paradas de autobús situadas en estradas da rede autonómica de estradas de Galicia, na comarca de Ferrol, e que suporán un investimento que supera os 1,8M€.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o anuncio do inicio deste trámite para a mellora das paradas de autobús situadas nas estradas de titularidade da Xunta AC-110, AC-112, AC-116, AC-564, AC-566, AC-861 e AC-862, ao paso polos concellos da Capela, As Somozas, As Pontes, Cedeira, Narón, Ortigueira e Valdoviño.

O prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir de hoxe.

Co procedemento que hoxe anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización desta actuación. Estas intervencións farán necesario expropiar un total de 23 predios, polo que se dispón tamén a ocupación para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación é de 489,59 m2.

O obxectivo da Xunta é aprobar o proxecto no segundo semestre deste mesmo ano, para a continuación realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución da obra no ano 2026. O prazo de execución das obras é de 18 meses.

ACTUACIÓNS

Estes proxectos de mellora de accesibilidade e conectividade das 61 paradas de autobús identificadas na rede de estradas da Xunta nas rutas de acceso polo norte á cidade de Ferrol, permitirán mellorar 41 paradas no municipio de Narón, 8 en Valdoviño e 3 municipios de Cedeira, As Pontes, e Ortigueira, respectivamente. Tamén se propón a mellora de 2 paradas no concello das Somozas e 1 na Capela.

As actuacións proxectadas comprenderán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.

Ademais colocaranse refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade e procederase á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

As actuacións tamén prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

O obxectivo é incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos no uso do transporte público, fomentando a diminución do uso dos movementos de curto e medio recorrido en transporte privado, con orixe ou destino nas cidades de maior poboación, o que redundará nunha diminución das emisións de xeito gradual.

Os proxectos enmárcanse no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente, e son susceptibles de financiación dos fondos europeos FEDER 21/27.

Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.57296109199524