En Lugo hai actualmente 182 agresores persistentes mentres que as chamadas ao 016 acadaron as 438
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inaugurou hoxe a Xornada formativa sobre o “Marco Xurídico das Violencias Sexuais: valoracións e probas en agresións sexuais”, organizada como parte das actividades da Subdelegación do Goberno en Lugo con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Na presentación desta xornada, a subdelegada incidiu na necesidade de ampliar o foco de actuación “para rematar coa cultura da impunidade ante a violencia sexual, acompañando ás vítimas para que rompan o silencio e actuando de xeito implacable cos agresores”.
O evento contou coa participación de dúas recoñecidas expertas: Patricia Faraldo, catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña, e Victoria Lareu, catedrática de Medicina Legal da Universidade de Santiago, que abordaron temas clave sobre a violencia de xénero e sexual, desde unha perspectiva xurídica e científica.
Na súa intervención, a subdelegada sinalou unha vez máis o impacto devastador da violencia de xénero no país: só en 2024, 38 mulleres foron asasinadas por violencia machista, sumándose ás 1.282 vítimas contabilizadas desde 2003. Así mesmo, informou que se produciu na provincia un aumento nas chamadas ao 016, con 438 rexistradas este ano. Así mesmo, na provincia de Lugo hai 182 agresores persistentes (con máis dunha vítima), “unha realidade que subliña a urxencia de abordar a problemática desde múltiples frontes”.
Rodríguez tamén resaltou o compromiso do Goberno de España na loita contra as violencias sexuais, destacando políticas pioneiras como a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual, que sitúa o consentimento no centro. “A violencia sexual esixe un cambio cultural e social, e unha educación en igualdade desde a infancia para previr e romper coa cultura de impunidade”.
Finalmente, Rodríguez chamou á unidade de institucións e cidadanía para defender os avances en igualdade e políticas feministas, asegurando que “queda moito por facer, pero non daremos un paso atrás nesta loita”. Ademais, destacou o respaldo do Goberno de España aos municipios da provincia de Lugo, que recibiron máis de 240.000 euros do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nesta última convocatoria para desenvolver programas de actuación fronte a todo tipo de violencia contra as mulleres.