En marcha o proxecto da terceira fase de escavación no Castro de Saa
Despois dunha segunda fase de escavación no Castro de Saa que deixaba ao descuberto nesta parroquia de Baltar restos dunha gran muralla defensiva, dunha canalización e dunha construción en ángulo anterior á habitación galaico-romana descuberta na primeira fase, o arqueólogo responsable destes traballos, Emilio Ramil, presenta xa o proxecto para a terceira fase.
Ramil explica que a nova intervención se realizaría en dúas fases. A primeira sería “a escavación dun total de 80 metros cadrados ampliando a zona escavada por cada un dos lados: norte, sur, leste e oeste. Cara ao leste atópase a muralla da que temos descubertos catro metros. Con esta intervención preténdese deixar ao descuberto outros seis ata alcanzar os dez de paramento interior. Polo sur tamén está a muralla e a vivenda circular que agardamos descubrir na súa totalidade igual que a habitación en ángulo atravesada pola canle”. Así mesmo, aproveitarán para coñecer cara a onde se dirixe esa canle.
A segunda fase deste proxecto supón a consolidación e limpeza do espazo. “É necesario limpar a vexetación para manter visibles e conservadas as estruturas descubertas nesta campaña”, segundo indica o arqueólogo que tamén avanza outro dos aspectos que recolle o proxecto: “a colocación dunha novo cartel explicativo que permita dar a coñecer todo o traballo desenvolto ata o de agora”.
Co proxecto xa redactado será preciso buscar financiamento para o seu desenvolvemento no que está moi implicado o rexedor local, Primitivo Iglesias.
Polo momento hai que agardar á presentación da memoria dos traballos desenvoltos na segunda fase que rematarán a finais de ano co recoñecemento e catalogación dos restos arqueolóxicos atopados. O responsable da escavación avanza que prevé presentar o documento ante Patrimonio en febreiro e, posteriormente, o proxecto da terceira fase co obxectivo de desenvolvela entre maio e xuño coma nesta campaña 2017.