En marcha un plan estratéxico de reactivación económica da Mariña

TerraChaXa | LugoXa
FCAM e Mancomunidade poñen en marcha un plan estratéxico de reactivación económica para a Mariña lucense.
61196995_463354104400742_7338310327999660032_n
12 sep 2020

FCAM e Mancomunidade poñen en marcha un plan estratéxico de reactivación económica para a Mariña lucense. Os presidentes de ambas entidades, José Carlos Paleo e Fran Cajoto, reuníronse en Foz para abordar este asunto.

O principal obxectivo deste proxecto é a realización dun proceso de reflexión estratéxica que sirva para definir actuacións concretas encamiñadas a acelerar a reactivación económica da Mariña, a paliar os efectos do covid-19 e os recentes peches industriais que se produciron na comarca.

O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, subliñou que “o que queremos ter é unha visión real da situación na que se atopa A Mariña para potenciar o que xa temos e que funciona e ver a posibilidade de realizar novas inversións. Queremos coñecer a capacidade de desenvolvemento desta zona e contar cos datos máis claros posible de cara ás axudas que van vir”.

Paleo dixo que “temos que ter unha idea moi clara e exhaustiva de todo para acceder aos Fondos Europeos, que están enfocados a determinados sectores e actividades. Temos que documentarnos para facer as propostas oportunas”.

O plan estratéxico de reactivación económica da Mariña pretende dispoñer dun diagnóstico exhaustivo da situación actual da Mariña; articular liñas de actuación, plantexando diferentes alternativas; identificar o modelo organizativo máis óptimo para os vindeiros 10 anos; así como incluír as actuacións que se vaian definindo, relacionadas co covid-19, polas diferentes administracións públicas a todos os niveis, que puideran afectar ou influír no desenvolvemento económico, social e medio ambiental da Mariña.

O responsable da FCAM engadiu: “esperamos e desexamos que todas as administracións participen  no financiamento e no documento, así en próximas fechas manteremos reunións con consultoras para ver as propostas”.

Pola súa banda o presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, afirmou que “estamos nun momento crucial. A Mariña ten unha potencialidade enorme en moitos sectores e non podemos quedarnos atrás. O que precisamos é un documento que nos amose de forma clara cales son as oportunidades de inversión reais na comarca. O obxectivo sempre é un emprego estable e de calidade, que recuperemos poboación e que a inercia se volva positiva”.

Cajoto considera que “precisamos axudas de todas as administracións para procurar un estudio serio e de calidade, para o cal manteremos reunións en próximas datas con distintas consultoras para ver as propostas e as diferentes alternativas. Ademais de consolidar a fabricación do aluminio na planta de San Cibrao, na comarca contamos con sectores con gran potencialidade como o forestal e toda a industria de transformación asociada, o eólico, o turístico ou un sector primario que ten unha gran marxe de mellora. Sen deixar de ter os pés na terra, hai que procurar sempre mellorar e avanzar”.

0.16475009918213