En Marea denuncia a situación de deterioro da contorna do río Miño ao seu paso por Muimenta
O xeólogo ribadense e cabeza de lista da Marea Galeguista por Lugo, Iván Rodríguez Lombardero, visitou o Miño na contorna de Muimenta, acompañado por integrantes da Asociación Deportiva e Cultural “Amigos do Miño” para coñecer de primeira man as súas actividades e poñer en común as propostas da Marea Galeguista en relación ao ecoloxismo e ao medio ambiente, “eixos esenciais e transversais das propostas programáticas da formación”, segundo asegura Lombardero.
Iván R. Lombardero compartiu a súa fonda preocupación ao asegurar que “o río Miño amosa nunha traxectoria de grave deterioro”, pois durante a visita, constatou a invasión por vexetación do leito do río, “causada segundo os técnicos da Consellería pola eutrofización das augas”, ao filtrarse, segundo referiu, “ao cauce os xurros que se empregan na fertilización das terras ao carón do río”.
Para o cabeza de lista por Lugo da Marea Galeguista, “os males dos ríos son os das súas cuncas, e o caso do Miño amosa a necesidade de fomentar a estensificación das explotacións lácteas”.
Os integrantes da Asociación explicáronlle a experiencia da súa xestión “de 45 quilómetros do río”, na que “establecen treitos de pesca sen morte, realizan limpezas e mesmo dirixen as curtas da vexetación de ribeira”.
Xunto cos integrantes da Asociación, o cabeza de lista da Marea Galeguista por Lugo visitou varias pequenas depuradoras primarias “que cómpre complementar con lagoaxe ou conectar coa depuradora principal”, segundo sinalan.
Lombardero amosouse satisfeito e agradecido co traballo desenvolto pola Asociación e co “áxil esquema de xestión directa pola comunidade dun tema que adoita xerar queixas polo mal funcionamento da administración”.