En Marea denuncia irregularidades na xestión do GES de Guitiriz

TerraChaXa
O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada Paula Vázquez Verao, visitaron o Concello de Guitiriz para comprobar de primeira man as condicións das instalacións do GES de Guitiriz que consideraron “insostibles” tanto a nivel de medios humanos como materiais e que lles está a impedir ofrecer unha protección adecuada á poboación.
ges_guitiriz_enmarea
18 Xul 2018

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada Paula Vázquez Verao, visitaron o Concello de Guitiriz para comprobar de primeira man as condicións das instalacións do GES de Guitiriz que consideraron “insostibles” tanto a nivel de medios humanos como materiais e que lles está a impedir ofrecer unha protección adecuada á poboación. Unha das primeiras denuncias realizadas pola deputada Paula Vázquez Verao é o feito que este grupo está sendo obrigado a realizar tarefas que non lle corresponden como recollida de lixo, limpeza da piscina ou do campo da festa o que ten provocado que en ocasións non puideran atender unha emerxencia. O propio lugar onde están situadas as instalacións do GES é impropio xa que se trata dun lugar de complicada accesibilidade e que non conta con algo tan fundamental como internet, limitándose así a comunicación co 112 a chamadas telefónicas.

A falla de persoal é sen dúbida unha das circunstancias máis graves como sinalaron desde En Marea. Na actualidade o grupo que debería estar composto por 12 efectivos, conta unicamente con 5 na práctica. A isto súmase a mala situación laboral con despedimentos nulos e salarios precarios que a penas chegan ós 800 euros.

A falla de material é outra das grandes deficiencias do GES de Guitiriz que provocou que os propios traballadores tiveran que comprar cos seus propios cartos unha táboa espinal para poder atender ás vítimas de accidentes de tráfico. “Estamos ante unha situación totalmente intolerable” salientou Paula Vázquez Verao.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, considerou inaceptable que se manteña o GES de Guitiriz nunhas condicións que impiden protexer adecuadamente a poboación ao tempo que incrementa de xeito importante o risco tanto para ás persoas que teñen que atender como para os propios traballadores. Por este motivo, o grupo parlamentario de En Marea levará ao Parlamento de Galicia diversas propostas nas que en primeiro lugar pedirá á Xunta de Galicia e a Deputación provincial que exerzan as súas competencias de inspección e verificación de que o GES de Guitiriz está a cumprir as súas funcións.

En segundo lugar instarán a que os medios materiais e as instalacións sexan melloradas ou substituídas para que podan atender de xeito efectivo e adecuado as tarefas que lles están encomendadas. E en terceiro lugar, que se cubran de xeito inmediato as prazas vacantes sobre todo tendo en conta que estamos no período de maior risco de emerxencias.

Finalmente, En Marea fará unha chamada para que as condicións laborais dos integrantes do GES sexan dignas e acabar coa precariedade que sofren na actualidade.

0.19511795043945