En Marea pide a equiparación laboral e salarial dos bombeiros comarcais de Lugo
Luís Villares denunciou a situación irregular na que se encontran os parques comarcais de bombeiros da provincia de Lugo e o seu personal que, entre outros desequilibrios, padecen unha situación laboral que fai que cobren 3.500 euros menos anuais que os seus compañeiros da provincia de Ourense, coas mesmas atribucións e competencias. Esta situación foi denucianda por Luís Villares tras reunirse con representantes das plantillas dos parques comarcais de Lugo. No mesmo sentido, o voceiro de En Marea sinalou as numerosas deficiencias e incumprimentos de contrato das empresas adxudicatarias deste servizo na provincia, incumprimentos que, segundo Villares, son "causa suficiente para denunciar eses contratos e reverter este servizo á xestión pública".
Luís Villares agradeceu o traballo realizado polos bombeiros durante a vaga de lumes que asolou Galicia e xustamente tras unha situación como a vivida "non entendemos que estes profesionais dan a cara por nós, para que vivamos con maior seguridade, non entendemos como este colectivo de bombeiras e bombeiros sofren a discriminación laboral, a salarial e a dos incumprimento das condicións que foron acordadas polas propias empresas". "Tampouco entendemos por que a Xunta o tolera dun xeito tan flagrante".
Segundo Villares, "O PP anda facendo promesas para recuperar a Deputación de Lugo, promesas que logo non cumpre, porque o PP xa prometeu a equiparación dos bombeiros dos parque comarcais e a cousa quedou en nada". Villares explicou tamén o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro "incumpriu a súa promesa de melloras as condicións dos bombeiros se a Deputación particiaba desa mellora, a Deputación consignou eses cartos, pero a Xunta non cumpriu e os bombeiros seguen sen estar equiparados". Os bombeiros están sen mellores, segundo explicou En Marea porque os fondos da Xunta non se consignaron e os da Deputación están bloqueados pola negativa da Xunta a consignar os seus.
En Marea pide que, de forma inmediata, se produza a reversión deste servizo ao carácter público entre outras couas "polo flagrante incumprimento das cláusulas dos contratos por parte das empresas adxudicatarias do servizo, incumprimento que obriga aos bombeiros de Lugo a secundar a folga".
Luís Villares apuntou a "gravidade da situación na que se encontra o servizo porque a razón pola que estas empresas conseguiron a adxudicación foron estas cláusulas que agora as mesmas empresas incumpren, polo que non había razón para que estas empresas fosen as que conseguiran os contratos".
As melloras que non se están cumprindo son as que "redundaban no servizo de extinción de incendios, mellorando as condicións de seguridade e mellorando as condicións laborais dos bombeiros". Segundo sinalou Luís Villares "o feito de que se incumpra o contrato é motivo suficiente de rescisión para calquera administración".
O voceiro de En Marea asegurou en Lugo que non é allea a esta situación a mala xestión forestal que está realizando a Xunta de Galicia e que ten como responsable a Tomás Fernández Couto, agora imputado pola adxudicación dos helicópteros de extinción de incendios. Villares volveu pedir, como fixo no pleno parlamentario desta mesma semana, que o presidente da Xunta cese a Fernández-Couto como a "persoa na que converxen unha gran parte dos males que afectan ao monte e á política forestal de Galicia".