En Marea pide que a Torre de Caldaloba sexa perceptora de axudas do 1,5% cultural para evitar o seu derrube
O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, vén de presentar unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que demanda que a Torre de Caldaloba sexa perceptora de fondos do 1,5% Cultural a fin de evitar o seu derrube.
Fernán Vello chama a atención sobre o avanzado estado de deterioro desta Torre situada en Cospeito que foi declarada BIC no ano 1994. “Na actualidade o seu estado é dunha enorme precariedade, incluso advertiuse sobre o seu posíbel derrube”.
O deputado de En Marea explica “a gran importancia histórica que este monumento ten para a historia de Galiza. É un símbolo da resistencia da nobreza galega fronte á dominación e as políticas centralizadoras dos Reis Católicos. Dentro dos muros desta Torre resistiron Dona Constanza de Castro, filla do decapitado Mariscal Pardo de Cela, e o seu marido Fernán Ares”.
O parlamentar de En Marea traslada ao Goberno o significado que este monumento ten na historia galega, “queda patente o enorme valor desta Torre que debería ser obxecto dunha actuación de proteción, coidado e posta en valor porque forma parte dos acontecementos históricos. Parécenos inconcebíbel ver como os seus muros véñense abaixo cando foron testigos de feitos tan relevantes”.
Fernán Vello lembra que en base ao programa do 1,5% Cultural participado por varios Ministerios como o de Fomento e Cultural, realizáronse moitas actuacións de conservación en patrimonio histórico. E un requisito para beneficiarse deses fondos é ser un Ben de Interese Cultural, un BIC como é o caso da Torre de Caldaloba.
“Pediu a Xunta axudas do 1,5%?”
Razón pola que formula unha serie de preguntas ao Goberno para saber se a Xunta nalgunha demandou estas axudas para rehabilitar a Torre e para coñecer cal é o dispór do Executivo central a destinar fondos económicos para evitar a perda deste monumento. “Dado o rico patrimonio histórico cultural que posúe Galiza, abordou o Goberno nalgunha ocasión coa Xunta a necesidade de aprobar un Convenio con axudas financeiras para o mantemento e reforma do seu patrimonio? Vai interesarse pola situación deste monumento?”
A Fernán Vello resúltalle sorprendente que a Xunta non realice ningún esforzo nin amose ningunha preocupación por unha Torre de tanta importancia na historia galega e critica o desleixo e abandono que “é mostra da falla de preocupación e interese pola historia propia”.