Encontro de bicis e patíns con premio
O Espazo Xove (Centro da Xuventude) de Vilalba, dependente da Xefatura Territorial da consellería de Traballo e Benestar, organiza a XXIV Festa da Bicicleta coa que colabora tamén o Concello de Vilalba, a comisión de festas, a Policía Municipal, Protección Civil, Cruz Vermella, a Garda Civil e os clubs ciclistas Terra Chá e Vilalba – As Pontes.
Este encontro de bicis e patíns será o martes 29 de agosto a partir das sete e media da tarde na praza da Constitución dende onde se irán concentrando os e as participantes ata dar saída á altura do Bar Casablanca, continuando pola rúa da Pravia, praza Suso Gayoso, Avenida de Galicia, rúa Cidade de Lugo, a capela da Guadalupe, a rúa do Xamón, Travesía Campo da Feira, cruzar á Avenida Terra Chá enlazando coa rúa de Muras, Campo de Puente, rúa da Pravia e chegar de novo á praza da Constitución.
Ata dúas horas do seu inicio aceptaranse inscricións no Centro da Xuventude ou a través do teléfono 982 82 83 40 en horario de seis a nove da tarde.
Poderán participar todas as persoas que o desexen sen límite de idade; aínda que a inscrición será obrigatoria para participar no sorteo de agasallos que se fará unha vez concluído o paseo: unha bicicleta, unha Tablet, un par de patíns, un monopatín, dúas mochilas, un casco de ciclista e dous queixos de San Simón da Costa.
Haberá trofeos especiais para o participante de maior idade e ao de meses portado.