Endesa adxudica a demolición da central das Pontes
Endesa vén de adxudicar á empresa biscaíña Lezama Demolicións o contrato para o desmantelamento da central de carbón das Pontes. A gañadora do concurso lanzado pola eléctrica é unha compañía especializada neste tipo de traballos e foi seleccionada pola súa oferta técnico-económica, na que se inclúe unha aposta decidida polo mantemento do emprego local con ata un 80 % da contratación total. Este contrato é unha parte dos traballos necesarios para o desmantelamento completo da central das Pontes que vai supoñer un importe da contorna dos 60 millóns de euros e estímase que as obras para liberar os preto de 600.000 metros cadrados da térmica prolónguense durante os próximos catro anos, cunha media de 130 traballadores nas mesmas.
Para primar a man de obra local, terase en conta ás persoas que pertencían ás compañías auxiliares da central térmica, os desempregados que proveñan dos municipios incluídos no convenio de transición xusta e os alumnos que completasen os cursos de formación que se están desenvolvendo en base a un convenio coa Consellería de Emprego da Xunta de Galicia e o Concello das Pontes. Neste sentido, está previsto que se impartan 4 edicións dun curso específico de Desmantelamento de Instalacións Industriais, destinado a un total de 200 persoas da contorna local, con prioridade a aquelas directamente afectadas polo peche e que se atopen inscritos na Bolsa de Transición Xusta. Actualmente xa se está levando a cabo a segunda edición.
Ademais, como parte do plan de futuro para a vila mineira, previuse que se impartan catro cursos en O&M de plantas renovables de enerxía fotovoltaica e eólica, que terán unha duración de 90 horas e que capacitará aos interesados para os futuros traballos vinculados ao novo desenvolvemento renovable que Endesa proxectou para a comunidade.
O desmantelamento e a demolición de todos os edificios, instalacións e equipos da central levará a cabo seguindo principios de economía circular, co obxectivo de valorización de materiais por encima do 90 % e a obtención final dun certificado de residuo cero. E é que a sustentabilidade é un dos eixos nesta fase, tendo non só a economía circular como referencia, senón tamén establecendo criterios de Creación de Valor Compartido, que permiten establecer unha relación a longo prazo coas partes interesadas locais, promovendo unha cultura ética que fomente a capacitación profesional dos empregados, acompañando ao desenvolvemento das contornas sociais (contratación local) e utilizando de maneira sostible os recursos naturais.