Endesa e Alcoa sellan un acordo de subministro de enerxía procedente de parques eólicos

TerraChaXa | AMariñaXa
Endesa e Alcoa sellan un acordo de subministro de enerxía procedente de parques eólicos para a planta de San Cibrao
parque eolico pousadoiro lugo
7 Out 2022

Endesa proporcionará 1.151 GWh por ano a prezo estable que procederán de parte da enerxía xerada por 816 MW de parques eólicos en tramitación no norte de Galicia. As localidades da contorna destes parques veranse beneficiadas directamente en emprego e actividade económica.

Endesa e Alcoa pecharon o seu contrato de compravenda de electricidade a longo prazo, coñecido como PPA (Power Purchase Agreement), que permitirá fornecer enerxía a un prezo estable para a planta de aluminio primario de San Cibrao, na costa norte de Galicia. Tal e como establecía o preacordo alcanzado en febreiro, a alianza ten unha duración de 10 anos e será efectiva en 2024, coincidindo coa data en que Alcoa prevé reactivar as súas cubas de electrólises tras o parón polos altos prezos da enerxía. Endesa investirá máis de 1.000 millóns de euros en construír os parques eólicos cos que abastecerá o complexo, os cales se atopan en tramitación pendentes da cualificación como proxectos vertebradores por parte da Xunta de Galicia.

Con este acordo, Endesa facilitará un terzo das necesidades enerxéticas que Alcoa ten na planta de San Cibrao. En concreto, fornecerá ata 1.151 GWh verdes por cada un dos 10 anos, volume que procederá dos novos parques eólicos que a filial de renovables de Endesa, Enel Green Power España (EGPE), espera poder construír nas provincias de Lugo e A Coruña. Un parte da electricidade xerada neses parques estará destinada así a fornecer a Alcoa.

As plantas suman 816 MW de capacidade renovable e xerarán 274 empregos de operación e mantemento, en cuxa contratación se primará a man de obra local. Todos os parques levantaranse nas provincias da Coruña e Lugo, polo que a enerxía que produzan reverterá directamente no benestar da zona por medio da xeración ou o mantemento dun volume importante de emprego e actividade económica.

Os proxectos de enerxía eólica asociados a esta colaboración dispoñen de acceso e conexión á rede de transporte. Neste sentido, a enerxética xa solicitou oficialmente á Xunta de Galicia a súa cualificación como proxectos excepcionais para a súa tramitación prioritaria, co fin de poder cumprir os fitos legais para a súa tramitación e construción.

A compañía prevé que a enerxía eólica incorporarase progresivamente ao PPA a partir de 2025 e a medida que vaian entrando en funcionamento os novos parques renovables. Con iso, evitarase a emisión á atmosfera de máis de 600.000 toneladas de CO2/ano, o equivalente á capacidade de absorción de 3,84 millóns de árbores, e enmárcase no plan de Alcoa para reactivar a produción de aluminio primario en San Cibrao a partir do 2024, asegurando prezos estables cos que Endesa axuda á competitividade da industria galega e do complexo de Alcoa, establecido en 1980 dacabalo entre os municipios lucenses de Cervo e Xove.

Con este acordo, Endesa renova o seu compromiso con Alcoa, porque máis aló de proporcionarlle un terzo da enerxía que necesita con megawatts eólicos propios, tamén terá o papel de comercializadora. Desta forma, a compañía integrará e xestionará a enerxía procedente de acordos que Alcoa poida ter con outras empresas.

Javier Uriarte, director xeral de Comercialización de Endesa, destacou que “en Endesa estamos orgullosos de contribuír a manter a actividade dunha das plantas industriais máis importantes de España, e á vez dun dos nosos clientes máis emblemáticos, Alcoa. Doutra banda, os 816 MW eólicos que imos construír contribúen, por unha banda, a que o mix enerxético español sexa cada vez máis renovable e, por outro, reafirman a aposta de Endesa pola sustentabilidade e polo desenvolvemento socioeconómico de Galicia, un dos territorios históricos de Endesa”.

“Este acordo demostra o esforzo de Alcoa para atopar unha solución viable para a planta de aluminio primario de San Ciprián”, apuntou Álvaro Dourado Baselga, vicepresidente Mundial de Enerxía en Alcoa e presidente de Alcoa en España. “Aínda que estes acordos representan un avance importante, o éxito da planta de aluminio primario dependerá do desenvolvemento dun marco enerxético competitivo a longo prazo en España e da aprobación destes parques eólicos”.

0.11156606674194