Endesa pacta a saída voluntaria de 577 traballadores en toda España
Endesa acadou un acordo cos sindicatos para permitir a saída voluntaria dun máximo de 577 empregados afectados polo peche das súas centrais térmicas de carbón, cun impacto non recorrente nas súas contas de 213 millóns de euros, que non terá efectos no pago do dividendo con cargo ao presente 2020. A eléctrica conta en total cun persoal que roza os 10.000 operarios.
O pasado outubro, Endesa anunciou un axuste contable de 1.300 millóns pola súa intención de pechar as centrais das Pontes e Litoral (Andalucía), que consumían carbón de importación, ante a súa falta de viabilidade económica, pola subida do prezo da tonelada de CO2 e a baixada do prezo do gas.
A compañía eléctrica xa anunciara antes o peche das centrais de Andorra e Compostilla (Castela e León), que consumían carbón nacional, moito menos competitivo que o de importación.
Desde entón os traballadores das centrais e as súas subcontratas estiveron en pé de guerra en defensa dos seus empregos. A eléctrica dirixida por José Bogas lanzou programas de desenvolvemento para as zonas afectadas, fundamentalmente de novas renovables, nos que procurou incorporar a todos os traballadores.
Nas Pontes, onde a empresa opera unha planta de carbón e outra de ciclo combinado (gas natural), aceptaron o ofrecemento case un centenar de empregados con 56 anos, aínda que se irán de forma graduada. O último día de xullo desvinculáronse medio centenar; o resto farano en decembro e en xuño do 2021, porque a empresa necesita persoal para seguir operando a térmica de carbón como mínimo durante un ano máis.
Os traballadores vanse con entre o 75 e o 80% do salario ata que cumpran os 60. Entón pasarán a cobrar o 80% ata os 62, cando se xubilarán de forma anticipada.
Concretamente, a filial da italiana Enel quere incorporar 2,8 GW de nova capacidade renovable ata o ano 2022, e Endesa ten un plan para incrementar esa potencia con 1.100 MW adicionais, pero non todo o persoal que traballaba nas centrais térmicas recolocarase.
Tal e como informou onte á Comisión Nacional do Mercado de Valores, a empresa alcanzou un acordo para a saída voluntaria dun máximo de 577 empregados, polo que se anotará unha provisión de 213 millóns, que non terá impacto na retribución ao accionista.